Mirando o que está a pasar no noso arredor, e mais aló, polo Mundo adiante, estou convencido que o desequilibrio sistémico vai impoñer as súas leis. O poder, en todas as súas vertentes, decidiu acelerar as contradicións ao máximo e a suma de forzas leva tempo afastándose dalgúns dereitos e valores compartidos pola humanidade desde a II Guerra Mundial. Tódolos conflitos nacionais, de clase e internacionais son unha probatoria do que está a pasar. A maior intensidade no desequilibrio nalgún dos conflitos (Gaza-Palestina), están a demostrar que estamos lonxe dun acordo entre todas as forzas na contenda para que a suma tenda ou se achegue a cero, para que un novo equilibrio sexa posible. Os conflitos que non son creados artificialmente e teñen base e seguimento e sentimento popular, terman no tempo e non están en relación cunha guerra, pois, segundo Clausewitz, o fin dunha guerra é desarmar ao inimigo, non exterminalo. Por iso, o xenocidio é unha negación do dereito de existencia a grupos humanos enteiros e non valen os enredos que algúns están pretendendo facer cunha interpretación politicamente interesada dos feitos.
As cousas son como son e están como están. Outra cousa é que aparenten ser o que non son, por mor da linguaxe falsa empregada. As aparencias non van amañar a desfeita. Vou poñer un exemplo para explicarme. Xa sei que no Estado Español as urnas están pechadas ate o 2027 segundo Sánchez, que debe ir canso de tanto mallar no pseudoargumento: serán cando tocan. Eu, non dubidaría en acreditar en tal afirmación se a verdade formara parte do seu facer cotián. Como non quero parecer parvo e estou a ver a hiperactividade na Moncloa e levo algún tempo escoitando ao sr. Bolaños que os tempos que veñen, imos ter que facer unha escolla entre "a socialdemocracia ou a barbarie" , cheguei a conclusión que as eleccións no Estado Español van ser adiantadas pola razón sinxela que o Psoe, mellor dito o "circulo de tiza sanchista" xa ten comprobado que é a única estratexia posible de salvación para a custodia do ideario socialista español, da que eles son garantes é que, o electorado só teña unha perspectiva dual, ou nós ou os "fachas". Levan tempo argallando nesta idea e algunhas alternativas políticas deixáronse engaiolar (na parte ou no todo), por dita estratexia que comeza cun confronto articulado no eixo, maioría representativa- minoría, evoluíndo logo, á clásica esquerda-dereita+dereita extrema (como variable do laboratorio de ideas da esquerda españolista) e rematando coa envolvente do remexido, progresismo-involucionismo e algunhas outras variables dun calado semellante.
A novidade é que a consigna que agora queren impoñer no confronto non deixa de ser unha copia intencionada da orixinal, formulada noutro tempo político por Rosa Luxemburgo (Socialismo ou barbarie), erguida sobre a tese...se de feito a comunidade socialista fose algo imposible, entón a humanidade non terá capacidade para un maior desenvolvemento económico. Nese momento a sociedade moderna viríase abaixo, como fixo o Imperio Romano hai case dous mil anos, e finalmente recaería na barbarie... A socialdemocracia española ten un obxectivo: salvarse da queima e por iso fan este posicionamento. A hiperactividade desde o club da Moncloa non é mais que unha aparencia por que saben como sei eu, que todo vai ir a peor.
Tanto Feijoo como Sánchez son uns persoeiros elixidos (con primarias ou sen elas), cunhas herdanzas no seus liderados que están a lembrarme a película "O club social de Cheyene " por que, rematarán acreditando se foron verdadeiramente un favor ou o camiño mais curto cara a súa ruína política. Hai valentías que quedan fóra de toda dúbida pero as aparencias..., as aparencias, son esas cousas que parece que van pegadas a un, e non importa en que lugar ou de que maneira pero non te deixan, forman parte da túa imaxe cara os demais.
E verdade que tanto o pasado como o presente sempre estiveron obrigados, pola leis da dialéctica a un futuro e por iso, pese a quen lle pese, as cancelas do mañá teñen varias posibilidades: abrirse cara a pequenos cambios cosméticos, a unha revolución, a unha involución e no caso do confronto sistémico mundial no que estamos metidos de cheo: ou ben, atopar un novo equilibrio ou tal vez (polo potencial armamentista), ao suicidio da humanidade.
Convén estar preparados e non agardar ao 2027, nin autoenganarse nin deixar que o fagan outros coa linguaxe.