E os problemas seguen aí sen resolver. E logo, cando acordamos, non hai onde meternos ou “colocarnos”. Non hai un sitio esperando por nós, nin sequera no cemiterio, se non preparamos todo cando aínda podemos e estamos “aleutos” nós mesmos, que na nosa lingua significa estar listo, preparado, atento á vida.
“Senescendi ars, totum requirit hominem” “A arte da senescencia implica á persoa na súa totalidade, en todas e cada unha das súas dimensións: corporal, cognitiva, emocional, social, política, económica, sufrinte, relacional, transcendental, espiritual e relixiosa”.
Gosto moito do P. Baltasar Gracián en “El arte de la prudencia”. Inspirándome nel, velaquí algunhas reflexións persoais que desde hai moito tempo me teñen axudado a orientar o declinar paulatino da existencia vital que conxuntamente convosco me tocou vivir: Porque vós fostes ganduxando a miña vida con moita amizade. Grazas!
“Atención aos finais! Hai que pór máis coidado nun final feliz do que nunha aplaudida entrada. É frecuente que os afortunados teñan comezos moi favorábeis, pero finais moi tráxicos”.
“Deixa as cousas antes de que as cousas te deixen a ti”. “: Evita os ocasos da vida se non queres rebentar de desaires”. É unha máxima dos prudentes”.
“Na vida cómpre ser bo entendedor.” “As verdades que máis nos importan veñen sempre a medio dicir. É prudente saber entendelas a tempo. “Importa moito saber cando as cousas están no seu punto, na súa sazón, para saber desfrutalas. Ata os froitos do entendemento teñen ese punto de madureza e importa moito dar con el para desfrutar ben deles”.
“Os afortunados teñen moitos aplausos na chegada: Pero non sempre son despedidos con boas caras”. “Saber retirarse cando aínda se está ganando: Iso é o que fan os xogadores profesionais”. “Tan importante é unha retirada lúcida e lucida coma un ataque esforzado”. Atención aos finais!”
“Ser ben do seu tempo” Todas as cousas teñen o seu tempo e lugar. E as persoas tamén. E cómpre situalas no ámbito espazo-temporal que lles corresponde”. Estamos situados na historia. Incluso as eminencias son da súa época”. “E deben saber saír con bo pé”. “Ninguén é eterno”. “Se as dislocas ou destemporalizas xa deixan de ser eminencias”. “Cando a persoa se “auto-endeusa”, perde o seu lugar na Historia e xa “non casa” coa súa verdadeira casa”.
“Non agardes nunca a ser un sol que se pon”. Logo fica moi pouco día”. E andarás ás escuras e ás apalpadas. E serás moi vulnerábel e manipulábel. Deixarás de seres ti mesmo”. E queixaraste de que non te respectan porque non fan como ti queres. E ti respectaches sabendo arranxar a túa vida a tempo? Sen cargar a ninguén coas túas indecisións, medos ou rancores?” Agora, xa fan abondo con “colocarte” onde poden! “No xogo o mellor truco é saber descartarse a tempo. Vale máis un trunfo moi pequeniño na man, do que un “ás” de trunfo que xa pasou.”
“Non agardes a que che dean as costas. Daquela, segundo os teus propios sentimentos, para ti, estante eliminando vivo. Pero, na estimanza allea, xa levabas morto de moito tempo atrás: “Por que non desaparecería xa?” “E o peor é que non se dá conta, por máis que llo dicimos a miúdo e de todos os xeitos”.
“Hai que saber pór a salvo os éxitos na abundancia, cando aínda son bastantes ou mesmo cando son moitos”. “A deusa fortuna cansa de levar a un mesmo persoeiro sempre ás súas costas durante moito tempo”. “Ao cabalo de carreiras, que no cume do seu éxito tantos trunfos che deu, é de prudentes saber xubilalo cando está sendo admirado”. “Non agardes a que caia humillado no medio desa proba á que ti na túa ambición o estás obrigando. Xa non deberas telo forzalo. Non merece que polo teu capricho sexa na praza o escarnio público de todos”.
“Sempre é preferíbel deixarlle unha porta aberta á esperanza”. “Un non ou un si son moi breves para dicilos. Pero antes é preciso pensalos moito e ben
“Hai moitos que de primeiras xa levan sempre o non na súa boca. E chafan todo sen pensalo. E aínda que logo queiran amañar, xa non se lles tén en conta, porque pode máis o desgusto inicial que produciron”.
“Nunca perder o respecto a si mesmos”.
Na “Casa de Anciáns”, a onde me acollín, sempre estarei ao voso dispor. Hai tempo que xa tiña solicitado. E en boa hora chegou a quenda. Se podo seguir séndovos útil, sen amarrarme ao pasado e sabendo soltar lastre a tempo, aquí seguimos na vida.
Sempre amigos