Os que escriben sempre teñen presente que por expresar os seus pensamentos e opinións a miúdo enfróntanse á crítica, e tamén en certos sectores ao rexeitamento ou mesmo a certa marxinación. No presente político en marcha, "proscribir" significa excluír ou desterrar a alguén dun grupo, e xa non ten a carga da proscripción romana, que levaba ser declarado inimigo público, inimigo do pobo ou inimigo de Estado. “Quen escribe se proscribe”, pero aos galegos de ben impórtalles un carallo o que digan, e iso moito antes de que Alaska cantará a canción do seu terceiro álbum de estudo Non é pecado.
Os galegos valentes ou os valentes de Galicia teñen un amplo repertorio de frases para mandar a paseo aos sectarios e ignorantes. O noso himno recolle esa realidade ou ese peculiar habito mesetario made in Nova Gales do Sur, de desprezar ao contrario e ao galeguismo.
Todo o anterior talvez non vén ao caso, e por iso mesmo non sei moi ben porque o traio a colación. Talvez apetecíame dicilo, e aproveito para soltalo e quedarme tan a gusto.
Descúlpeme estimado lector, porque eu vin aquí a falar doutro libro e non do meu. Vin falar do libro dun home, Antonio-Carlos Pereira Menaut, intelectual, profesor e galeguista dos que definimos como Bo e Xeneroso. Desa natureza nacen obras como “Cos pés na terra. Coversas en Fonseca”, cun prologo de Iván Arias, e un epílogo de Miguen Bastos. O autor intelectual, editor, non é outro que Alexandre Carrodeguas.
Non lles vou a recomendar a súa lectura porque eu non son quen nin para recomendar lecturas, e ademais non me importa o que vostedes lean, pero sí lles digo que eu linme o libro e gustoume, e sobre todo axudoume a comprender a realidade política dunha Galicia que algúns a amamos porque non nos gusta.
Desde os meus anos de estudante aborrezco o copiar, por iso non vou reproducir o magnífico prólogo nin a trascribir o excelente epílogo. Si vou a salientar aquelas cuestións da obra que me fixeron reflexionar. Prepárense porque agora chega o bo.
O Profesor Pereira defende que o nacionalismo debe incluír, e non excluír, o Cristianismo no nacionalismo, que a historia de Galicia sen cristianismo xa non é Galicia. Describe a facción política hexemónica do estado, que se fai chamar partido, milimétricamente exacta: “Especializado en guerras culturais, enxeñaría social, cambio antropolóxico, acoso ao Cristianismo, (que a min aféctame directamente) submision ao gran capitalismo tecno-financeiro e ao belicismo occidental”. Páx. 57. O Profesor Pereira fálanos da consecuencia política das agamías e sologamias e as súas consecuencias no nacionalismo e sociedade galega.
Liberal, con maiúscula e sen aditivos postmodernos, é por iso o profesor Pereira un Realista Político. Como Liberal, con maiúscula e sen agregados potingues da última moda do país de Nunca Xamais, é o profesor Pereira coñecedor do funcionamento do calenturiento pensamento centralista. Na obra analiza como ese fervedoiro nada crea e todo o destrúe. Eu saco a idea de que ser galeguista non é opción, hoxe é necesidade se non queremos ser sopa boba cosmopolita made USA falando a lingua de Nova Gales do Sur.
O profesor Pereira, como Liberal con maiúscula e sen aditivos postmodernos, faille un gran favor á esquerda marxista. Como intelectual non pode deixar de expor o baldío que existe. Advirte que si a chamada esquerda (que é outra cousa e non Esquerda) céntrase no trans, aborto, o woque e demas, a clase traballadora (porque as clases existen) votará polos Trump de moda. Describe a realidade: a estas alturas, “a case-desaparición ou seria mutación da esquerda, é un feito”. Páx. 71.
Eu humildemente creo que o seu realismo político vénlle máis pola súa excelsa formación que polo seu Liberalismo con maiúscula e sen aditivos postmodernos. E recoñezo que me amola que sexa un Liberal con maiúscula e sen aditivos postmodernos o que como ben dicía Camilo Jose Cela, dea testemuño, como acta notarial e como fiel cronista, do tempo que lle tocou vivir. Desbásteme a verdade que di e o estado da Esquerda.
Xa por azar, ou porque lle deu a gana, é ao final da obra cando o profesor afirma que unha Galicia soberana, independente, ceibe, sempre merece a pena. E é que a obra tamén para este que escribe, podería titularse, e si de min dependese “Sen pelos na lingua. Deixémonos de bobadas”. Obviamente o Destino non quixo que eu publicará a obra, e elixiu a unha persoa sensata e corda como Alexandre Carrodeguas.
A obra termina como só podía concluir. Fíxense vostedes e valoren: “Non hai peor cousa que non ter esperanza, nin hai situación ningunha na que non se poida facer absolutamente nada”. Ilusión é posiblemente o sentimento que transpira toda a obra. Ou Realismo ilusionante.
Non me fagan ningún caso e léanse o que lles de a gana, o que estea de moda ou sexa chachi e a última novidade en Nova Gales do Sur. “Cos pés na terra”, sempre estará aberto para aqueles que queiran participar nas conversas en Fonseca.