Bateeiros increpan á conselleira do Mar e acúsana de "traidora"

Os participantes na protesta reclaman á Xunta medidas ante o conflito que manteñen cos percebeiros

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 04/02/2022 | Actualizada ás 15:21

Comparte esta noticia

Decenas de produtores de bateas increparon e acurralaron ás conselleiras do Mar, Rosa Quintana, e de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, á saída dun acto celebrado na mañá deste venres en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa).

A conselleira do Mar, Rosa Quintana
A conselleira do Mar, Rosa Quintana | Fonte: Xunta de Galicia.

Os bateeiros concentráronse ás portas da sede do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), onde as responables autonómicas participaron na presentación das actuciones de saneamento que a Administración autonómica proxecta para Vilagarcía de Arousa.

Ao termo do acto, os participantes na protesta, que reclaman á Xunta medidas ante o conflito que manteñen bateeiros e percebeiros, bloquearon a chegada dos coches oficiais que ían recoller ás conselleiras á porta principal do edificio do Intecmar.

Nese momento, con axentes da Policía protexendo ás autoridades, os concentrados cercaron ás conselleiras e os seus equipos, dirixindo as súas consignas contra Rosa Quintana, á que, segundo fontes presenciais, chegaron a insultar e acusar de "traidora" ao sector.

As responsables do Goberno galego regresaron ao interior da sede do Intecmar, onde agardaron durante aproximadamente media hora á espera de que as forzas da orde garantisen as condicións de seguridade para poder chegar aos coches oficiais e abandonar a zona.

QUINTANA DEFENDE A XESTIÓN

En declaracións aos medios antes do acto e dos incidentes rexistrados ao seu termo, Rosa Quintana reivindicou a disposición ao diálogo con "todo" o sector afectado polo conflito, á vez que cualificou de "rotundamente falso" que a Xunta deixou "en mans de terceiros" a posibilidade de extraer o mexillón.

A responsable de Mar incidiu en que a explotación unicamente a poden levar a cabo "os titulares de bateas" que, no caso de que eles o decidan, están autorizados a ceder a autorización "a terceiros", ben a través de convenios con confrarías para a extracción por parte de "outros mariscadores" ou contratando a persoal directamente.

No caso das zonas de explotación de percebe vedadas á extracción de mexillón, a conselleira aseverou que se trata dunha medida "provisional" que afecta a "un 17%" das áreas onde conflúen mexillón e percebe e que parte dunha petición "dos técnicos" para garantir a súa sustentabilidade.

Así, subliñou que existe vontade para sentar cos bateeiros a analizar o impacto da medida e "revisar as zonas" afectadas. "Non existe maior preocupación nestes momentos na Xunta que dar continuidade ao cultivo de mexillón que dea cobertura ás necesidades do mercado", engadiu Quintana.

Por este motivo, a conselleira informou que se trasladou aos produtores a posibilidade de impulsar o cultivo de mexillón a través de corda para "non só depender da produción natural".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta