A unidade da esquerda hoxe

É pública a miña posición crítica con relación ao xeito de conformarse a alianza electoral que concluíu coa presentación da candidatura ás eleccións europeas da lista Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEE).

Por Lois Pérez Leira | Vigo | 12/05/2014

Comparte esta noticia
Todas as miñas declaracións e artigos de opinión foron favorábeis a un amplo acordo político e electoral entre toda a esquerda nacional e federal. Durante a miña participación na conformación do Novo Proxecto Común e posteriormente durante a fundación de ANOVA–Irmandade Nacionalista defendín activamente a conformación de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) e a necesidade histórica da confluencia e o consenso entre diferentes tradicións políticas. Para iso tiñamos como referencia o chamamento de Xosé Manuel Beiras á construción dunha fronte ampla rupturista e nese sentido a proposta de Esquerda Unida de crear unha Syriza Galega. A concreción de AGE, -que tamén hai que dicer que algúns que agora se anotan o éxito non apostaban con moita ilusión polo proxecto- xerou unha expectativa política e electoral que transcendeu a propia Galicia, Inclusive foi un detonante para tentear experiencias semellantes en todo o Estado español.
 
Seguramente o primeiro erro cometido foi o famoso acordo técnico electoral enmarcado soamente nos temas parlamentarios. Cando os nosos votantes non só querían votar por unha alternativa de esquerda, tamén querían desaloxar das institucións a estes gobernantes corruptos e para iso necesitábase unha fronte política e social que dirixise a rebelión social como salientaba Xosé Manuel Beiras.
 
Todas estas circunstancias repetíronse neste proceso electoral. Beiras volveu propoñer unha fronte ampla rupturista que derrotase as políticas ultraliberais, onde estivesen representadas as esquerdas nacionais, a esquerda estatal e as esquerdas rupturistas. Entrementres Esquerda Unida novamente realizou declaracións nun sentido semellante.
 
Tristemente non se conseguiu un acordo máis amplo. É posíbel que algúns sectores de Esquerda Unida e Bloque Nacionalista Galego teñan algunha responsabilidade nesa falta de entendemento. Determinadas declaracións e certos piruetas tácticas de Esquerda Unida poderian ter orixinado o final desencontro entre as distintas formacións e partidos da esquerda. É un desconsolo que determinadas direccións políticas de certos partidos da esquerda maioritaria prefiran levar adiante unha estratexia electoral baseada na hexemonía da súa propia marca electoral por riba da unidade e o acordo amplo.
O experimento de SUMA demostrou que algúns membros da dirección da esquerda federal só permitirán a construción dunha fronte ampla unitaria se eles son os “condutores” e “controladores” do proceso, pois -en caso contrario- procederían a pinchalo.
É así como chegamos á situación actual. Non temos a fronte de toda a esquerda e os movemento sociais. Non parece moi probábel que se consiga derrotar as políticas ultraliberais nas vindeiras confrontacións electorais, e por iso tampouco poderemos iniciar un proceso constituínte. Porén, nas rúas seguirán manifestándose centos de miles de persoas que se mobilizan contra este goberno e contra a troika.
 
En todo caso quero dicer que Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEE) é o único proxecto cuxo programa ten posicións e matices que son autenticamente de esquerda e por iso opino que é o que mellor servirá aos intereses de Galicia.
 
Por iso quero subliñar que o meu voto será para Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEE), especialmente para a súa candidata Lidia Senra que é unha autentica dirixente das loitas populares e campesiñas do noso país.
 
Finalmente quero manifestar o meu desexo de que Izquierda Unida asuma a seu rol histórico de partido maioritaria da esquerda federal e favoreza no futuro a construción dunha verdadeira fronte ampla non excluínte na cal poidan convivir as diferentes tradicións da esquerda e o nacionalismo. Unha fronte moi ampla na que poidan estar xuntos Izquierda Unida, Podemos, Bildu, BNG, Compromis, Equo, Chunta, ERC, CUP e outros partidos e movementos sociais que queren sumar as súas forzas para despregar unha verdadeira unidade de acción que sirva para derrotar nas urnas e nas rúas a este goberno e aos seus aliados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Lois Pérez Leira Naceu en Vigo en 1953, emigrando á Arxentina cos seus pais sendo aínda un neno. En 1990 retorno definitivamente a Galicia, especializándose en temas migratorios. Durante estes últimos anos escribiu numerosos libros sobre a emigración galega e impartiu distintas conferencias en distintos países do mundo. Nos últimos anos se dedicou ao documentalismo sendo director de 18 documentais. Na actualidade é o secretario xeral de Nova Esquerda Socialista, organización que participa do Novo Proyecto Común. Foi distinguido en numerososa oportunidades, sendo nomeado cidadán ilustre da cidade de Salvador de Bahia.