Biomasa para combater a 'dependencia enerxética' de Galicia

O Clúster da Biomasa de Galicia defendeu no evento 'Enerxétika 2022", en Silleda, a necesidade de impulsar a demanda deste recurso nos fogares e nas empresas.

Por X.M. Fernández | Silleda | 08/02/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

“Galicia ten que facerse forte coa biomasa, é dicir, cos recursos forestais e naturais que temos na nosa comunidade; deste xeito evitaremos a dependencia enerxética de países terceiros. Así se pronunciou o presidente do Clúster da Biomasa de Galicia, Francisco Álvarez, en Enerxétika 2022, un foro de análise sobre o papel da enerxía que se desenvolveu na localidade pontevedresa de Silleda entre os días 3 e 5 de febreiro.

Enerxétika 2022. Foto: Prensa Eosa
Enerxétika 2022. Foto: Prensa Eosa

Francisco Álvarez asegura que a biomasa é unha forma de aforro que vai contribuir a lograr a transición enerxética e afirma que “apostar por este sistema enerxético é o que nos vai permitir cumprir cos obxectivos que nos marca Europa”.

Dende o Clúster aseguran tamén que os usuarios da biomasa poden ter un acceso inmediato a este recurso; xa que as empresas do sector distribúen o material a calquera punto da xeografía galega en menos de 24 horas. A día de hoxe Galicia é un referente do sector da biomasa en España. Máis da metade produción de madeira procede da nosa comunidade.

COLABORACIÓN, INNOVACIÓN E CAPTACIÓN DE TALENTOS

O Clúster da Biomasa de Galicia traballa nestes intres no desenvolvemento do Plan Estratéxico do sector co apoio financeiro do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Por outra parte, a entidade está colaborando co Goberno galego na posta en marcha da Estratexia da Biomasa de Galicia 2022-2027. Para avanzar nesta folla de ruta, o Clúster traballa da man da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) e do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA).

Este labor conxunto pretende conseguir o impulso da innovación e da dixitalización do sector. Por outra parte, os retos nos que se está traballando son a actualización da formación dos recén licenciados e dos módulos de formación profesional vinculados coa biomasa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta