Temas: COCHE LUGO AUGA

Denuncia que os bombeiros de Lugo lle "reventaron" o coche sen razón: "era vapor de auga, non fume"

O home asegura terlles explicado que o coche "non ardía, era que o viña de lavar", pero os efectivos non se detiveron e provocaron danos no capó.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2022 | Actualizada ás 12:33

Comparte esta noticia

"Isto é de película". Así comeza a narración dun peculiar suceso que tivo lugar na xornada do pasado sábado no centro de Lugo. Un home denuncia que os bombeiros lle "reventaron" o coche porque pensaron que estaba ardendo cando, en realidade, se trataba simplemente de vapor de auga. 

Estado do coche 'reventado' polos bombeiros de Lugo ante as protestas do dono
Estado do coche 'reventado' polos bombeiros de Lugo ante as protestas do dono | Fonte: Facebook

Ao parecer, e segundo relata o home nunha publicación de Facebook, os bombeiros chegaron nos apenas dez minutos que o denunciante se detivo para mercar nun supermercado. Foi ao saír cando atopou aos efectivos "reventando" o capó do coche. Nese momento, o home comezou a berrarlles que pararan porque non se trataba de fume senón de vapor de auga, xa que o coche viña de ser lavado.

Pero os bombeiros, apunta, fixeron caso omiso dos seus pregos e non pararon. O home admite que os insultou na tensión do momento e mesmo volveu a tildalos de "brutos ignorantes" na publicación referida. "É vergoñento que uns bombeiros de academia non distingan vapor de fume e cheiro de auga e cheiro de incendio; parecían actores dunha obra pesada".

O home xa apuntou que pensa reclamar "até o último céntimo" deste mal suceso, non só con respecto ao coche, que sofre danos no amentado capó, senón tamén a nivel psicolóxico "porque isto é para enfermar, tan só pensar quen son os que nos protexen dun incendio", asevera.

Actuación dos bombeiros de Lugo sobre un coche que, segundo o dono, tan só desprendía vapor de auga
Actuación dos bombeiros de Lugo sobre un coche que, segundo o dono, tan só desprendía vapor de auga | Fonte: Facebook
Temas: COCHE LUGO AUGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta