Por Galicia Confidencial | Lalín | 11/05/2014 | Actualizada ás 10:15
A concentración parcelaria que se executa na parroquia de Vilatuxe, en Lalín, está a arrasar con dúcias de hectáreas de masas de frondosas autóctonas, a maior parte delas carballeiras, pero tamén soutos de castiñeiros.
É a denuncia que fai a asociación Erva Estudo e Defensa da Natureza que critica que a maior parte das cortas se efectúan en terreos da Rede Natura 2000 pertencentes ao espazo denominado Serra do Candán e Montes do Testeiro. A viciñanza afectada por estes procesos está a cortar estes arboredos durante a fase previa á entrega dos terrenos.
"Os proprietários de parcelas con arboredo, ao non chegar a acordos coa nova propriedade, optan por cortar os carballos e castiñeiros, ao non estar estes incluidos no proceso de valoración dos prédios, feito que sí aconteceu no caso doutras concentracións parcelárias, como as de Quintillán ou Meavia, no concello de Forcarei", apunta esta entidade. Ademais, di que o proceso de Vilatuxe, no que se consideran, ademáis da superficie, outros critérios como calidade dos solos, pendiente e topografía, o departamento de Medio Rural encarregado de impulsar o aparcelamento impediu a consideración do arboredo presente como critério adicional para valorar as fincas.
Desta forma, en Vilatuxe, dúcias de hectáreas de carballeiras, muitas delas centenárias, están a ser cortadas. En lugares como Tras da Rigueira, O Chantado, en Piñoi, Castro de Arriba ou Portamido, estas masas están a ser cortadas co beneplácito da administración autonómica do PP.
"A corta destas masas supón non só un impacto paisaxístico e cultural evidente, coa destrución de cercas de lousas e valados tradicionais, afectación de muiños e levadas de auga e arroteamento de fondos de val", indica. Ademais, denuncia que o impacto ecolóxico está a ser de "dimensións preocupantes" polas graves consecuéncias que podería desencadear.
"Se o obxectivo da parcelária é a de acadar fincas con superfícies medias máis elevadas que permitan a sua posta en valor, o certo é que na maior parte destas concentracións parcelárias as extensas superfícies a concentrar apresentan maioritariamente uso forestal", sinala nun comunicado de prensa. En casos como a parroquia de Vilatuxe, tan só un 10% da viciñanza involucrada ten actividade gandeira. Por iso, din que a corta masiva do arboredo favorecerá a mobilización das fincas, beneficiando a "esa minoría de gandeiros, que verá incrementada a sua superfície agraría útil por medio do arroteamento de solos de carballeiras e mato para alugueiros destinados a agricultura e gandería industriais altamente contaminantes".
A parcelaria de Vilatuxe tamén está a afectar prédios situados dentro do espazo da Rede Natura Serra do Candán. Na asemblea que os viciños de Vilatuxe mantiveron cos responsábeis da Consellaría de Medio Rural no mes de Marzo, estes afirmaron que se estudarían caso por caso as solicitudes de cortas de arboredo en Rede Natura.
"Suspeitamos que, detrás deste “caso por caso”, co que nos encontramos é co silenciamento cúmplice dun procedimento de manga ancha que vai tolerar unha grave afección sobre dúcias de hectáreas de terras situadas en Rede Natura",asegura.
Por iso, Erva ven de solicitar do Secretário Xeral de Medio Rural, a paralización das cortas de arboredo na parróquia de Vilatuxe e o impulso de procesos de diálogo e negociación entre a viciñanza, valorando o arboredo como se fixo nas parcelárias de Quintillán e Meavia, ampliando o período de entrega de terras para evitar as talas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.