O Sergas presume de atención telefónica: "respondemos o 99% das chamadas perdidas no día"

O xerente do Servizo destaca a contribución da Xunta á plataforma tecnolóxica integrada nun centro de saúde de Pontevedra.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2022 | Actualizada ás 14:49

Comparte esta noticia

O xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), José Flores, asegurou que o 99% das chamadas perdidas no centro de saúde da Parda de Pontevedra se resolven no mesmo día e cun tempo máximo de resposta de dúas horas. Así o sinalou este xoves nunha visita ao centro, onde destacou que isto é grazas á plataforma tecnolóxica CRM100, un sistema de xestión da relación co paciente que a Consellería de Sanidade puxo en marcha, desde o pasado 10 de novembro, en 40 centros de saúde de toda Galicia.

O xerente do Sergas asegurou que, desde que entrou en funcionamento esta aplicación, este centro de saúde recibiu un total de 8.301 chamadas --o que supón unha media de 117 chamadas ao día--, cun tempo medio de resposta inferior aos 48 minutos. José Flores apuntou que este sistema se incorporará a outros 20 centros de saúde máis a partir deste mes. O obxectivo, engadiu, é despregar, ao longo deste 2022, esta plataforma tecnolóxica a toda Galicia.

O xerente do Sergas sinalou que esta aplicación, que incorpora un servizo de atención telefónica personalizada, permite xestionar, mellorar e avaliar a interacción entre a cidadanía e os profesionais sanitarios. "E faino potenciando todas as canles dixitais e as aplicacións TIC que Galicia ten despregadas no ámbito da saúde", engadiu Flores, quen destacou a posición que ten Galicia de "referente internacional en innovación no ámbito sanitario". O xerente do Sergas aproveitou para destacar o "esforzo investidor da Xunta" nesta área sanitaria, en canto a "máis investimentos, máis servizos, máis persoal" e "máis e mellores infraestruturas".

O xerente do Sergas, José Flores, durante a comisión. XUNTA
O xerente do Sergas, José Flores, durante a comisión. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta