Temas: IMAXE

Bruno Esperante: “O arado é un obxecto de memoria”

O rural estase a converter nun museo aberto que calquera pode contemplar nunha viaxe en coche polas leiras galegas. É un museo etnográfico instalado de forma espontánea nos xardíns e arredores das casas e que amosa a evolución da maquinaria agrícola no século XX.

Por GC Tendencias | Vitoria-Gasteiz | 12/05/2014 | Actualizada ás 10:55

Comparte esta noticia

O investigador da USC Bruno Esperante Paramos chámao “a musealización popular da tecnoloxía agraria” e vén de presentar este fenómeno social nas VII Jornadas de Jóvenes en Investigación Arqueológica a semana pasada en Vitoria-Gasteiz. 

Sementadora
Sementadora

Galicia estivo moi presente en ditas xornadas arqueolóxicas por ser un modelo destas prácticas de apropiación do patrimonio por parte da sociedade. Investigadores como as galegas Begoña Garrido Labrador e Vanesa Trevín Pita participaron falando do asociacionismo e movementos sociais na protección do patrimonio, e Xosé Gago, quen falou da arqueoloxía publica nos castros da Costa da Morte.

Bruno Esperante coordinou xunto a Antonio Vizcaíno Estevan, a mesa dedicada precisamente á apropiación social do patrimonio e falou da súa peculiar investigación que agora desenvolve como alumno do Máster en Historia contemporánea das sociedades rurais da USC.

O estudo que Bruno presentou en Vitoria-Gasteiz céntrase nas prácticas de exposición de ferramentas agrícolas nas casas particulares do rural galego. Curiosamente, esta maquinaria de ferro fabricábase precisamente na capital vasca pola empresa Ajuria y Aranzábal, cuxa antiga sede é actualmente a casa oficial dos lehendakaris. Falamos co investigador para indagar neste singular fenómeno.

Como son esas formas de “musealización” que estudas?

Sachadora
Sachadora

Os tipos de musealización son moi concretos. É unha tecnoloxía agraria específica, a que vai dende 1890 ata 1940. Hai arados de ferro, o que chamamos veso, sachadoras e sementadoras. Na maioría dos casos, a xente píntaos de cores, póñenlles plantas ou flores e moitas veces fanlles unha base de pedra. Colócanos nas beirarrúas das casas, nos portais, nos xardíns... Hai unha vontade expositiva, de orgullo.

É tecnoloxía que xa non usan os campesiños.

Así é. O fenómeno está relacionado co cambio de tipo de agricultura de Galicia. Esta tecnoloxía que musealizan pertence á agricultura orgánica, porque aínda que é de orixe industrial, non está motorizada. En Galicia, a agricultura orgánica deu paso á Revolución Verde nos anos sesenta. Entón é cando esta tecnoloxía que hoxe se musealiza, abandónase para comprar o tractor. Ese arado de ferro que é tirado polas vacas déixase de utilizar. Ese cambio supón ademais a expulsión da maioría da xente que traballa no campo e emigra a Europa, fundamentalmente. Aqueles que entón eran nenos non ven futuro no campo, emigran e deixan o arado no pallal. Cando volven no anos 90 encontran ese arado todo cheo de po, recordan a súa infancia, e danlle un valor. Restáurano e convérteno nun obxecto de memoria, do seu pasado e ademais da súa identidade campesiña.

Expóñense as ferramentas polo seu valor sentimental?

Si, porque se non tiveran valor sentimental, a xente desfaríase deles, porque xa non se usan. Pero esa tecnoloxía agraria ten un valor grandísimo. Cando os campesiños compraron ese arado de ferro, tiveron que aforrar moitísimo. Igual comprárono entre varios veciños ou a través de asociacións. Supuxo un gran aforro de tempo e de traballo. Grazas a esas ferramentas, tiveron moito máis tempo libre. Por exemplo, a sementadora, que ten catro rodas e unha caixa metálica no medio e é tirado por dúas vacas. Na caixa metíanse as sementes de millo e tiña un subministrador que botaba unha semente cada X tempo. Mentres as vacas tiraban da sementadora, un gancho facía o carreiro onde caían as sementes. E ademais diso, a sementadora tiña un sistema para ir cerrando o rego. Facía as tres tarefas dunha vez.

E cres que nesta “musealización” houbo algo de moda, de ver ao veciño poñer unha sementadora no seu xardín e copialo?

Eu creo que si. Estamos vivindo a moda, de feito. Agora mesmo, si. De feito, na estrada vella que entra en Noia, hai un tipo que vende este tipo de maquinaria, pero xa pintada.

Pero entón mércase polo seu valor decorativo máis que sentimental.

Non, pero tamén sentimental, porque hai moita xente, como na miña familia, que cando compraron o tractor, venderon as ferramentas e agora mércanas para musealizalas. Pero non perden valor por iso, seguen a ser obxectos de memoria, para dicir, mira isto, que bonito é, e tamén, nós somos campesiños e traballamos a terra.

Cres que este fenómeno vai en paralelo a unha conciencia campesiña?

Eu creo que vai relacionado coa identidade campesiña. Estes obxectos musealízanos as persoas con raíces no rural. Pode haber casos nos que xa non é así, como ocorre co hórreo, que é un obxecto tan popular que é musealizado por calquera persoa. Unha persoa que vén de catro xeracións de avogados pode decorar a súa casa cun hórreo, porque dalgunha maneira asimila ese obxecto.

Hai outros estudos sobre este tema?

Con respecto a España, creo que non hai. É un tema inédito. Hai estudos das ferramentas agrícolas, pero dende un punto de vista clásico. A orixinalidade do que presento aquí é a diverxencia entre un discurso oficial do patrimonio e o discurso que dá a xente. No discurso oficial que constrúe a intelectualidade do S.XX créase unha estampa típica co hórreo, a vaca, o carro de madeira, etc. Todo remite a unha cultura antiquísima na que se fai todo de xeito artesán, pero dentro desa estampa transmitida, aparece un produto industrial que son os apeiros que nos ocupan.

É unha novidade porque se trata de patrimonio popular, que non vén dado da academia. Non son os etnólogos, senón a xente a que di que isto é patrimonio. Os profesionais do patrimonio non o entenden porque non comprenden o valor que os campesiños lle dan a estas ferramentas. Hai unha diferenza de percepción do pasado, de memoria. Aí pode estar involucrada a idea do atraso que triúnfa en Galicia, co desarrollismo, a idea de que a inicios do século XX o campo está atrasado e non serve para nada.

Ti como queres amosar que o rural galego non estaba atrasado?

Demóstrano os propios campesiños poñendo en valor estes apeiros que pertencen ao período no que supostamente hai un atraso, pero se ese atraso fose real, por que os campesiños habían de darlle un valor? É unha contradición. A academia di que iso é un atraso, e porén, os campesiños cólleno, danlle un valor e musealízano por todas partes.

Supoño que este tipo de investigacións requiren moito traballo de campo.

Toco nunha charanga de música, e entón percorro Galicia tocando por aí diante e vexo un montón de musealizacións. Sei que se dá en todas as provincias, aínda que na miña investigación limiteime basicamente á Coruña, sobre todo ás terras de Santiago e Xallas.

Como te interesaches por este tema? Vés dun contexto rural?

Si, eu son da Baña, que é un Concello eminentemente rural. Na miña casa tivemos vacas no seu tempo, aínda que os meus pais xa non traballan no campo. En relación co que comentaba, antes da Revolución Verde, a maioría da xente en Galicia vivía do campo, máis do 50%. Agora xa non, hoxe en día, a xente que se dedica ao agro está en torno ao 7 ou 9% da poboación activa. Toda esa expulsión de man de obra agraria é a que provoca a reconversión na construción e a emigración. A dos meus pais entre eles. Os meus avós si que eran plenamente campesiños, nós sómolo a través da memoria, memoria que se perpetúa a través deste tipo de obxectos. Nós tamén temos unha sachadora musealizada, de feito.

Sementadora
Sementadora
Veso
Veso
Sementadora
Sementadora
Arado
Arado
Temas: IMAXE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta