O retorno das ratas negras tras séculos relegadas a unha presenza marxinal

A rata negra, hóspede histórica da peste, nunca se foi de todo, só se viu desprazada pola colonización da rata gris. Hoxe déixase ver de novo por Madrid, Sevilla e outras cidades españolas, lonxe de sumidoiros, entre árbores e cornixas. Así o asegura Jorge Galván, director xeral da Asociación Nacional de Empresas de Sanidade Ambiental.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 22/06/2025 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Hai pragas que pasan desapercibidas ata que reaparecen onde ninguén as agarda. Organismos que críamos relegados ao pasado, case anecdóticos na actualidade, que volven facerse visibles en cidades modernas, alleas ao ruído mediático pero non por iso menos inquedantes. A rata negra ('Rattus rattus') é un deses casos. Discreta, áxil, difícil de detectar e máis complexa de controlar que a súa parente máis coñecida: a rata gris ('Rattus norvegicus'). Non vive nos sumidoiros nin busca refuxio nos sotos húmidos, senón que prefire o exterior, as contornas arboradas e os espazos abertos. Non é máis grande, nin a máis forte, nin a máis agresiva, pero, tras séculos de quedar relegada a pouco máis que unha especie marxinal desprazada pola rata gris, recentemente volveu deixar pegada en cidades como Madrid ou Sevilla. Así o informa a Galicia Confidencial Jorge Galván, director xeral de ANECPLA, a Asociación Nacional de Empresas de Sanidade Ambiental.

Un exemplar de rata negra en Madrid
Un exemplar de rata negra en Madrid | Fonte: Europa Press - Arquivo

"Nós tiñamos asumido que a poboación predominante era a de rata gris, que é máis grande e máis agresiva que a rata negra, polo que logrou desprazala, pero estamos notando repuntes de rata negra en lugares como Madrid ou Sevilla", explica Galván. Pero, que é exactamente esta especie? A 'Rattus rattus', tamén coñecida como rata do tellado ou rata dos barcos, é unha especie de roedor máis esbelta, lixeira e áxil que a súa parente máis coñecida, a 'Rattus norvegicus'. Caracterízase por ter orellas grandes, cola máis longa que o corpo e unha dieta frugívora: consume principalmente froitas, sementes e vexetais. A diferenza da rata gris, prefire contornas exteriores e elevadas, como árbores, tellados ou zonas de vexetación densa. A súa chegada a Europa remóntase á Idade Media, probablemente a través do comercio marítimo dende Asia. Cómpre lembrar que foi precisamente esta especie a que serviu de hóspede á pulga portadora da bacteria 'Yersinia pestis', causante da peste negra no século XIV, que acabou coa vida de 50 millóns de persoas en Europa.

En España, a súa presenza é antiga pero minoritaria, xa que co paso do tempo foi desprazada pola rata gris, máis adaptada aos ambientes urbanos e subterráneos. E aínda que non se teñen datos específicos do primeiro caso documentado en Galicia, si sabemos que a súa distribución histórica foi ampla antes de verse superada pola rata gris, máis tosca e especializada en habitar os sumidoiros. Neste contexto, "a rata gris colonizou todo cando chegou nos séculos XVIII e XIX dende Asia Central, e deixou á rata negra relegada a pequenos redutos", dende os que agora están empezando novamente a espallarse. "Ningunha das dúas ratas é orixinaria do noso país, senón que orixinalmente pódense considerar especies invasoras", asegura o director xeral de ANECPLA. Que aconteceu? "Que entraron en España xa durante a Idade Media, polo que levan moitos séculos convivindo con nós, de maneira que xa están naturalizadas", sinala.

Como de grave é esta problemática? "Non é un problema moi grave polo momento, pero si hai que telo en conta", advirte. "Coma sempre dicimos, non se trata de xerar alarma social, pero si de alertar e estar alerta, porque hai que ter estas poboacións moi controladas, xa que se nos descoidamos poden causar danos graves", sinala Galván. E é que a nivel de riscos sanitarios, a rata negra pode transmitir enfermidades como a leptospirosis, a febre por mordedura, a salmonelosis, a toxoplasmosis (en casos concretos, como portadora indirecta) e a peste bubónica (históricamente, a través da pulga infectada). E, a pesar de que hoxe en día estes riscos están moi controlados, a súa reaparición pon enriba da mesa a necesidade de manter a vixilancia activa, especialmente en contornas nas que pode haber contacto con alimentos ou acumulacións de residuos.

O tratamento para controlar á rata negra difire do habitual para a rata gris, tamén coñecida como rata parda ou de sumidoiro, xa que ao non habitar nos sumidoiros nin respostar aos mesmos cebos, a súa localización é máis difícil e esixe técnicas adaptadas: trampas físicas, cebos específicos e un diagnóstico previo rigoroso para determinar o punto de acceso e as súas rutas. A prevención pasa entón por selar accesos a trasteiros ou cubertas, eliminar fontes de alimento accesibles e manter a contorna limpa e sen refuxios. Estes tratamentos puxéronse en práctica en casos concretos detectados en España. Entre eles, cómpre lembrar o vídeo gravado por usuarios da estación de cercanías Mendez Álvaro de Madrid en febreiro de 2021, no que aparecían ratas negras trepando árbores e muros na estación. O Concello confirmou a súa presenza e sinalou que aumentaron polo desbordamento de lixo tralo temporal Filomena.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta