O cambio climático afecta á produtividade do marisco en Galicia, como demostran as fortes choivas nas Rías Baixas

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Deputación da Coruña, celebra o ciclo 'Velando pola nosa relación co mar. Os mares dannos vida', que remata este xoves en Santiago.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/06/2025 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

Expertos no medio mariño alertan de que o cambio climático afecta á produtividade do marisco en Galicia, o que "ameaza a súa viabilidade". A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Deputación da Coruña, celebra o ciclo 'Velando pola nosa relación co mar. Os mares dannos vida', que remata este xoves en Santiago. Os coordinadores do ciclo son os científicos do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo Fiz Fernández --académico da RAGC-- e Miguel Gil.

Unha mariscadora colle unha cría de ameixa na enseada de San Simón cando hai queixa dos mariscadores por baixa producion
Unha mariscadora colle unha cría de ameixa na enseada de San Simón cando hai queixa dos mariscadores por baixa producion | Fonte: Adrián Irago - Arquivo

Nesa sesión profundarase na relevancia dos cultivos no mar e o valor das rías como sustento alimentario. "Achegaremos o desafío que afronta o marisqueo nas rías, antes as perturbacións ambientais provocadas polo cambio climático. Explicaremos as vantaxes de introducir o mexillón na dieta e como unha boa planificación da economía azul axuda a desenvolver vías sustentables e equitativas para todos", asegura.

A catedrática de Zooloxía da Universidade de Vigo Elsa Vázquez, decana da Facultade de Ciencias do Mar, centra o seu labor investigador en facer do marisqueo unha actividade sustentable. Profundará nos desafíos do marisqueo ante o cambio global. Segundo esta experta, os eventos climáticos extremos, como as ondas de calor ou as precipitacións torrenciais, están a ter un impacto crecente nas especies marisqueiras, especialmente nas que habitan na zona intermareal, como é o caso do berberecho e a ameixa fina, babosa e xaponesa.

"Existen rexistros documentados de episodios de elevada mortalidade en zonas das Rías Baixas asociados as fortes choivas desde o ano 2000, os cales se traduciron en perdas económicas significativas. Os efectos destes fenómenos non se limitan á mortalidade directa, senón que tamén inclúen consecuencias subletais como o incremento do gasto enerxético derivado da activación das respostas fisiolóxicas de defensa, o que reduce o potencial de crecemento e a capacidade reprodutiva destas especies", explica.

"Os efectos dos eventos extremos están a condicionar xa a produtividade dos bancos marisqueiros galegos e poñen en xaque a súa viabilidade. Esta situación, imposta polo cambio climático, representa un reto significativo para o sector, que deberá adoptar medidas adaptativas como a monitorización de parámetros ambientais (temperatura, salinidade) nos bancos marisqueiros; o desenvolvemento de modelos de alerta temperá que apoien a toma de decisións; a mellora na recollida de datos sobre os stocks, distinguindo entre mortalidade natural e por extracción; a diversificación das especies explotadas para reducir riscos; e a protección efectiva dos hábitats fronte á contaminación e á presión humana. Tamén resulta esencial a creación e xestión eficaz de reservas mariñas e outras figuras de protección, que poidan actuar como fontes de larvas", asegura.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta