Por X.M. Fernández | Arzúa | 22/02/2022 | Actualizada ás 10:27
O pasado domingo, 20 de febreiro, Arzúa celebrou por todo o alto o Concurso de Disfraces, un certame moi concorrido tanto de concursantes como de público. En total foron máis de 170 participantes, tanto locais como doutros concellos, que xunto co bo facer do presentador, Xan Veiga, 'alias' Charlie Chaplin, e a interacción do xurado, fixeron gozar a un Multiusos Terra do Queixo que completou o aforo.
O Concello de Arzúa repartiu máis de dous mil euros entre os gañadores do concurso, distribuídos en once premios que se correspondían con tantas outras categorías. Na modalidade de comparsas resultaron gañadores: “Os gaitistas de Hamelin”, que chegados dende Ordes levaron o primeiro premio de 550 euros; “A queimada” de Curtis e Vilasantar e “Tribu Musdama” desde Castro de Rei acadaron o segundo e o terceiro posto, dotados de 300 e 150 euros, respectivamente.
No apartado de grupos de entre dous e oito compoñentes, “Érase unha vez...Pinocho” de Viveiro alzouse co primeiro premio de 300 euros; “Os elefantes carnavaleiros” de Toques co segundo de 200; e “Maria e Luigi á carreira”, chegados do concello veciño de O Pino co terceiro, dotado de 120 euros.
Os disfraces individuais tamén se premiaron con 120 e 80 euros no apartado infantil e adulto. Na modalidade de individual infantil resultou gañador o disfrace “Kaiju” vestido por Álex de quince anos e chegado desde A Coruña. O segundo premio foi para “A dama antiga recicladora” de Sabela de oito anos, chegada desde Santiago de Compostela. No que respecta aos disfraces adultos, os premiados foron “O dragón máxico da reciclaxe” de Monforte de Lemos e “Godzilla” de Vilagarcía de Arousa que conseguiron o primeiro e segundo posto, dotados tamén de 120 e 80 euros respectivamente.
Como en anos anteriores, concedeuse o premio especial denominado “Simpatía”, dirixido a un grupo ou comparsa local que non resultara premiado nas categorías anteriores. A comparsa “A cachucha agarimosa” fíxose con este galardón. Esta comparsa foi a máis numerosa composta por máis de sesenta compoñentes dende o Colexio Nosa Señora do Rosario de Arzúa.
Dende o Departamento de Cultura amosáronse moi satisfeitos polo alto nivel de participación e pola calidade dos disfraces malia as circunstancias actuais, e agradeceron a implicación de todos os concursantes, así como a asistencia do público e o labor do xurado.
No Facebook do Cultura Concello de Arzúa pódense ver todas as fotos do evento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.