Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/05/2014 | Actualizada ás 10:00
O PP perdería ata sete escanos con respecto a 2009 e o PSOE ate nove. Eses son os datos doutro novo estudio, o de Sonda Investigación Social, que prevé un ascenso moito maior das formacións minoritarias que o previsto polo resto das enquisas.
Segundo esta nova sondaxe, respecto dos comicios de fai cinco anos, o PP pasaría de 24 a 17-19 escanos, fronte aos 21-22 que lles concede Sigma Dos/El Mundo, os 20-21 do CIS e os 20 de Metroscopia/El País. O PSOE, que conseguiu 23 europarlamentarios en 2009, caería até os 14-16, fronte aos 17-18 que estima Sigma Dos, aos 18-19 do CIS e aos 19 de Metroscopia.
A Esquerda, con todo, pasaría de 2 a 8-9 actas, unha cifra superior ás 5 que lles outorga Sigma Dos e CIS, mentres que Metroscopia concédelles 7. Podemos obtería 2-3 escanos, fronte ao único eurodeputado que augura Sigma Dos e CIS, pois Metroscopia non lle concede representación.
Outras coalicións tamén sairían beneficiadas na enquisa de Sonda Investigación Social, que entrevistou telefonicamente a 1.995 electores entre o 9 e o 30 de abril, cun erro de mostra do +/- 2,2%.
L'Esquerra pel Dret a Decidir pasaría dun a 2-3 escanos (un ou dous máis que nas anteriores enquisas publicadas); Coalición por Europa, formada por CiU, PNV, Coalición Canaria e Compromiso por Galicia, baixaría de 3 a 1-2 (Sigma Dous e CIS conservan os seus eurodeputados, mentres que Metroscopia réstalle só un); Os Pobos Deciden, formado por BNG e Bildu, obtería 0-1 (Sigma Dous e CIS dano por seguro, mentras que Metroscopia négallo); e Primavera Europea, composta entre outras formacións por Compromís, EQUO e Chunta, lograría 0-1 (só Metroscopia dáballe a posibilidade de mandar a un político a Bruxelas).
Esta enquisa, publicada no xornal Publico, destaca que á dereita, UPyD pasaría de 1 a 4-5 europarlamentarios (2 para Sigma Dous e CIS, 1 para Metroscopia) e Cidadáns obtería 1-2 (ningún para o CIS e un para Sigma Dous e Metroscopia).
As porcentaxes da intención directa de voto de toda a mostra reflicten que o 16,5% dos enquisados absteríanse ao día seguinte de ser consultados, mentres que o 33,7% aínda descoñecía a que partido ía votar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.