Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/02/2022 | Actualizada ás 21:00
A poucos días de que chegue o 28 de frebeiro e acabe con el o prazo para votar polo Carballo do Banquete de Conxo de Santiago a Árbore Europea 2022, novos artistas véñense de sumar á campaña para apoiar a candidatura. Así, tras o orixinal vídeo de Luís Zahera, chegaron os apois de Luís Tosar, Carlangas ou David Broncano. E por suposto das Tanxugueiras, que foron as últimas en sumarse á campaña que busca converter á histórica árbore na mellor de Europa.
As galegas, que perderon a posibilidade de representar ao Estado español en Eurovisión por mor do xurado do Benidorm Fest, pediron cun enérxico "Votade!" apoiar ao Carballo de Conxo. Unha árbore que tal e como explicaron foi fonte de inspiración para moitas e moitos artistas, incluída a mesma Rosalía. "Non a Rosalía tratrá, a nosa, a de Castro", chancearon. Desta forma, o trío galego animou á xente a votar polo carballo compostelán nun curtiño vídeo no que exclamaron "Que hai máis galego cun carballo?".
📣📣 Xentiña, hoxe temos que pedirvos o voto para que o 🌳✨ Carballo do Bosque do Banquete de Conxo ✨🌳 sexa a árbore europea do ano!!
— T A N X U G U E I R A S (@tanxugueiras) February 24, 2022
VOTADE!! 👉 https://t.co/M4baaZaj25 👈@MandaCarballo #carballodeconxo #treeoftheyear pic.twitter.com/0bNGHRKcf6
O prazo para votar polo Carballo de Conxo remata o 28 de febreiro e pódese votar aquí. Para que os votos se contabilicen é preciso elixir dúas árbores e verificar os votos premendo no enlace que envía o concurso ao mail, após ter realizado a votación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.