Critican a ausencia de actos conxuntos para conmemorar o 50 aniversario das loitas obreiras

Están convocadas senllas mobilizacións e tamén hai previstas dúas ofrendas florais ante o monumento do barrio de Recimil.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/03/2022 | Actualizada ás 16:01

Comparte esta noticia

A Asociación Cultural Fuco Buxán e Memoria Histórica Democrática criticaron que non se desenvolvan de maneira conxunta e unitaria os actos do 50 aniversario do 10 de marzo, cando no ano 1972 faleceron dous traballadores da antiga Bazán, en Ferrol, durante unha mobilización na que os operarios reclamaban ter un convenio colectivo propio.

Estas dúas entidades, a través dun comunicado, detallaron que esta data, o Día da Clase Obreira Galega, ten por obxecto "o recordo daqueles feitos e o recoñecemento aos seus protagonistas", e que ademais "busca consolidalos para o presente e para o futuro como referente dos valores solidarios, como a capacidade de loita do mundo do traballo organizado".

Este colectivo emprazou as organizacións sindicais o pasado 20 de febreiro a que "os actos conmemorativos desa data fosen unitarios, cunha soa manifestación que integrase a todos os sindicatos e toda a cidadanía". Con todo, finalmente están convocadas dúas marchas, unha por parte de CCOO e outra desde da CIG, ademais de dúas ofrendas florais, a organizada polo Concello de Ferrol --á que se suma CCOO-- e outra en solitario polo sindicato nacionalista.

SEN ACORDO PARA A DISTINCIÓN

A Asociación Cultural Fuco Buxán e Memoria Histórica Democrática tamén mostraron o seu pesar de que a proposta do Concello de Ferrol para distinguir aos dous traballadores falecidos, Amador Rey e Daniel Niebla non saíse adiante nunha xunta de portavoces, a pesar de contar co apoio dos grupos municipais de Partido Popular e Ferrol en Común, pero non así do BNG.

"Amador Rey e Daniel Niebla non eran nin militantes comunistas nin membros do xurado da empresa, nin afiliados a CCOO. Amador e Daniel eran simplemente traballadores comprometidos coa causa obreira e coa urxencia de traer a democracia", detallaron. "Eran persoas solidarias cos seus compañeiros e coa sociedade que querían cambiar, por iso estaban alí, ese día e a esa hora, correndo riscos con xenerosidade e con enteireza e por iso foron asasinados", inciden estes colectivos.

Desde estas entidades tamén critican que a proposta realizada por CCOO no Parlamento de Galicia "foi vetada polo BNG, impedindo, neste 50º Aniversario conmemorar os sucesos de 10 de Marzo en Ferrol e de Setembro en Vigo, cunha Declaración institucional da Cámara que é o máximo órgano democrático elixido pola cidadanía galega".

Manifestación obreira en Ferrol o 10 de marzo de 1972, na que Amador Rey e Daniel Niebla foron asasinados pola Policía franquista.
Manifestación obreira en Ferrol o 10 de marzo de 1972, na que Amador Rey e Daniel Niebla foron asasinados pola Policía franquista.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta