O dolmen da Pedra Embarrada de Coristanco xa é BIC

As lousas presentan varios gravados abstractos "que se asemellan a figuras humanas esquematizadas".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2022 | Actualizada ás 11:29

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres a resolución pola que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural acorda a inscrición no Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC) do dolmen da Pedra Embarrada, situado no lugar de Bieite de Abaixo, na parroquia de Santa María de Ferreira, no concello coruñés de Coristanco. Así, o dolmen da Pedra Embarrada foi inscrito no rexistro de BIC como ben inmoble polas manifestacións de arte rupestre que contén, segundo recolle o DOG.

Foi o pasado 26 de novembro de 2020 cando o Concello de Coristando instou á Xunta de Galicia a que declarase Ben de Interese Cultural o dito dolmen, polo que en xaneiro de 2021 Patrimonio autorizou a realización dunha prospección e delimitación de elementos patrimoniais na súa contorna, co fin de valorar a viabilidade da posta en marcha dun proxecto de revalorización do conxunto patrimonial promovida pola administración local.

"A actuación arqueolóxica conclúe que unha das laxas da cámara do dolmen presenta na súa cara interna varios gravados que ocupan a parte intermedia do ortostato e están feitos con surcos de entre 2 e 3 centímetros de anchura e apenas 1-2 centímetros de profundidade. Presentan unha sección en U, unha característica habitual na arte prehistórica que denota que se realizaron por abrasión, sen empregar obxectos metálicos na súa execución. Entre os motivos destacan polo menos tres elementos abstractos subrectangulares e dous triángulos, que se asemellan a figuras humanas esquematizadas, aínda que isto é moi dubidoso", explica a resolución.

Ademais, destaca que os catro motivos subrectangulares, "cunha lixeira forma de xerra, son equiparables aos que se localizan noutros monumentos megalíticos do noroestete peninsular, como Dombate (Cabana de Bergantiños) ou Casa dos Mouros de Regoelle/Pedra da Arca (Vimianzo), entre outros.

Sobre os motivos investigados, os expertos sinalaron que, unha parte deles, só se puideron gravar antes de colocar as laxas na súa posición no interior da cámara, xa que quedan parcialmente ocultos pola laxa contigua, "o que reforza o seu carácter prehistórico". Por tanto, vista a solicitude do Concello de Coristanto, a documentación presentada e o informe técnico Patrimonio decidiu inscribir como BIC o dolmen da Pedra Embarrada.

Dolmen de Chan das Embarradas, Coristanco
Dolmen de Chan das Embarradas, Coristanco | Fonte: Megaliticia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta