Sanidade reivindica "criterios técnicos" para abordar a retirada da máscara en interiores

Comesaña apela a "ser prudentes" porque é unha medida que "funciona moi ben" e lembra que en Galicia se mantén nos patios de colexios.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/03/2022 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reivindica "criterios técnicos" para abordar a retirada da máscara en interiores no marco da pandemia pola Covid-19, á vez que apela a "ser prudentes" porque se trata dunha medida que "funciona moi ben" e lembra que en Galicia se mantén a recomendación de levala nos patios de colexios, a pesar de non ser obrigatoria nos espazos exteriores que non sexan aglomeracións.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, colócase a máscara para pousar nunha entrevista con Europa Press
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, colócase a máscara para pousar nunha entrevista con Europa Press | Fonte: Salomé Montes - Europa Press - Arquivo.

Así o manifestou este luns, nun acto en Ourense para asinar as obras de ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. "Todos pensamos que nalgún momento esa medida tan eficiente algún día ten que desaparecer", admitiu, para puntualizar que "o modo de abordalo non é nunha rolda de prensa nin nunha entrevista, senón con criterios técnicos".

Respecto diso, lembrou que esta semana hai un encontro de técnicos de saúde pública no marco do Consello Interterritorial fixado en Zaragoza e de conselleiros o día 10. "Confío en que o debate sexa técnico e se produza nese seo e que as conclusións e os prazos que se tomen sexan froito do debate e non da oportunidade dunha entrevista", destacou, para lembrar que "este tema está comentado coa ministra" do ramo.

Sobre o uso da máscara, lembrou que Galicia está aínda "vacinando a nenos de 5 a 11 anos", que terminan esta semana os que poden recibila, polo que insiste en que se acordou " como precaución manter a recomendación de que nos patios do colexio se siga usando a máscara" por considerarse que se trata dun espazo con "aglomeración".

"Non podemos pasar desta consideración a, de súpeto sen maior estudo técnico, quitar esas máscaras no interior", remarcou. "Non fuximos dese debate, cremos que ten que ser técnico, gradual e de acordo á evolución dos acontecementos", sentenciou o conselleiro de Sanidade.

Preguntado sobre se en Galicia a estratexia pasa por primeiro retirala nos colexios, o titular de Sanidade manifestou que "non é unha liña descartable". "Pero, sobre todo, cremos nós que cando teñamos unha porcentaxe alta de vacinación", afirmou, para lembrar que Galicia "ten a maior porcentaxe de vacinación en nenos de 5 a 11 anos en primeira dose e vaina ter en segunda".

Por iso, o titular de Sanidade apelou a "ser prudentes" porque "esta medida da máscara é importante" e, ao seu xuízo, "está a funcionar moi ben nos interiores". "E cremos que, de momento, toca unha decisión técnica", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta