Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2022 | Actualizada ás 13:23
A Asociación do Transporte Internacional por Estrada (Astic) advertiu do "desastre económico e desabastecemento" ao que o Estado se enfrontará se o Goberno non adopta "de forma inmediata" medidas para paliar os efectos que os alto prezos dos carburantes está a causar no sector.
A patronal lembra que o transporte de mercadorías por estrada é "imprescindible" para abastecer tanto á poboación como a case todos os sectores económicos, sobre todo nun Estado onde o 95% do movemento terrestre de mercadorías e o 70% das exportacións a Europa se realiza por estrada a cargo de 360.000 camións.
Astic pon como exemplo os confinamentos decretados polo coronavirus, durante os cales o desabastecemento tamén chegou a ser unha realidade, que se conseguiu minorar grazas ao transporte de mercadorías, medicamentos e outros elementos básicos para a poboación. Por mor das mobilizacións que protagonizou o sector o pasado mes de decembro, o Goberno xa estableceu a obrigatoriedade de revisar automaticamente o prezo que os clientes pagan aos transportistas, excepto nos contratos que xa se inclúa outro tipo de revisións.
"Pedimos ao Goberno que actúe de inmediato, promovendo un paquete de medidas que axuden a estas empresas, como xa están a empezar a facer gobernos como o portugués", explica o vicepresidente executivo de Astic, Ramón Valdivia. En concreto, propón que a Administración realice a devolución do gasóleo profesional con periodicidade mensual, en lugar de trimestral como se realiza agora, para combater o "estrangulamento" financeiro que sofren actualmente as empresas de transporte. Outra posible medida para facilitar liquidez a estas compañías sería rebaixar as cotizacións á Seguridade Social,
Actualmente, o prezo medio do gasóleo encamíñase a superar 1,95 euros por litro, o que supón unha subida do 40% desde xaneiro de 2021, unha alza acelerada nestas dúas primeiras semanas de marzo, que se traduce en que agora os transportistas de longa distancia deben desembolsar ao mes unha media de 2.000 euros máis por camión en combustible.
PECHE DE EMPRESAS
Na mesma xornada, a patronal de Lugo explicou que está "moi preocupada" polos custos enerxéticos disparados, o que abocará ao peche de "moitas empresas" na provincia. O secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López, expresou que se palpa "moitísima preocupación, en todos os ámbitos empresariais".
"Os custos enerxéticos están disparados, logo tamén está o das materias primas, como pensos e fertilizantes, porque somos moi dependentes en Lugo dun sector tan relevante como o agroalimentario", sostén. "Hai que ver que medidas van tomar desde o Goberno central e desde os gobernos autonómicos para paliar esta situación, porque isto podería abocar ao peche de moitas empresas e que a xente se vaia á rúa", avisou.
En canto ao Executivo central, aprema a que "tome medidas respecto da factura enerxética, xa non só para industrias electrointensivas senón para empresas pequenas que teñen uns custos en loxística que son moi relevantes"."Vimos pedindo solucións e intervir nese conflito da dependencia enerxética que ten o noso país e a Unión Europea de Rusia", reivindicou o secretario xeral da CEL, Jaime López.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.