Por GC Tendencias | Cuntis | 25/05/2014 | Actualizada ás 22:45
Héitor Picallo (H.P.) Que é a música para ti? Unha actividade de tempo libre, un oficio, unha válvula de escape do día a día?
Manoele de Felisa (M.F.) Pois a verdade, en primeiro lugar, é a miña existencia, unha forma de ser, de sentir, de traballar, unha distracción e un xeito de me enfrontar ao mundo.
H.P. Que teñas constancia, cando comezas a te introducir no mundo da música?
M.F. Creo que dende que escoitei as primeiras cancións na única radio que tiñamos na casa, a do Renault 6, que valía para ir á festa e á herba. Despois foi cando comecei a lle cantar ás vacas, cando as levaba a pacer pola corda, simulando no extremo do nó da corda un micrófono. Outra cousa é o momento no que me estreo profesionalmente, aos nove anos, na orquestra Cuntis, a orquestra do meu concello, que resultou ser unha excisión daquela histórica chamada “Los Cunter’s” (Termas de Cuntis).
H.P. Que estilos marcan os teus gustos e, por conseguinte, os teus ritmos?
M.F. Se te refires a nivel musical, os meus ritmos e a cadencia xeral da miña música é pausada, intimista; se te refires á miña esencia vital, teño que falar de vivir en paz e coherencia coa sociedade que me arrodea, sen deixar de erguer a palabra para defender as cousas que un cre.
H.P. Teño coñecemento de que tes xa bastante produción musical dentro do que se chama canción de autor.
M.F. A día de hoxe, vou polo cuarto disco editado; porén gardo moita obra musicalizada (poesía propia ou allea) que aínda non saíu do meu cartafol de ideas, mais non quer dicir que non se escoitasen nalgún concerto ou recital que teña feito ou participado. Dos xa editados están: Orballo (1999), Chove (2005) e De Felisa a María Mariño (2007). O que falta, que se ha presentar no Salón Teatro de Compostela, o mércores día 28 do mes das letras, leva por título Cantos de Lembranza.
H.P. Ben, pero deste último traballo trataremos máis adiante. Tes musicado moitas composicións de poetas galegos. Por que esa seitura de autoras e autores, e non outra?
M.F. Se somos sensatos, ás veces algunha escolla foi circunstancial, iso non quer dicir que non me movesen factores como o contido que se quere transmitir e a vibración do propio escritor (tanto a nivel autor como a nivel persoal). Outras veces a cadea que te leva de un a outro escritor é froito da lectura, da bagaxe cultural que fun adquirindo ao longo do tempo (xa na EXB, xa fóra das aulas), dun poemas que che cae nas mans por pura casualidade,... Velaí que escollese dende Roberto Blanco Torres a Aurora Vidal, dende María Mariño a Miguelanxo Fernán Vello, de Pilar Pallarés a Xoán Xosé F. Abella, de Celso Emilio a Asun Estévez, de Rosalía de Castro a Rosalía Morlán, de Salvador García Bodaño a Fina Casalderrey, de Martim Códax a Ramón Neto ou Xosé Luna,... Ben, e acabo pois a listaxe sería longa.
H.P. Cal é a túa relación coa poesía galega actual?
M.F. A poesía actual é o eixo vertebrador e emotivo de moitas composicións que fago, así e todo algunhas como Chove, A moura de Castrolandín ou O mar de Sampedro agroman das letras que eu propiamente elaboro para dar saída ao meu sentir.
H.P. Segrel, Trobador, Xograr, Martim Códax, Meendinho, Mini e Mero, Miro Casavella, Manoele de Felisa,... A historia da música galega en galego parece que continúa. Que opinas ao respecto?
M.F. E continuar ha de continuar, aínda que eu non podo nin debo compararme á xente que ti nomeas. Se por min é, A MÚSICA GALEGA E O GALEGO TERÁ MIL PRIMAVERAS MÁIS!!
H.P. A música, dende o punto de vista da canción de autor, é un envoltorio floral ou un alimento social. Dito noutras palabras, a música serve para satisfacer as nosas necesidades artísticas ou ben para transmitirnos unha información útil para transformar o mundo?
M.F. O contido principal é o de ser alimento formativo, informativo e crítico para a sociedade, outra cousa é o envoltorio estético que cadaquén lle dá, mais se aloumiñas os sentidos moito mellor para caer en graza dende o primeiro compás.
H.P. Tes versionado cancións do Zeca Afonso, do seu sobriño João Afonso,... por que está Portugal tan próximo no teu canto? Tamén o está así Galiza?
M.F. A primeira sensación que me move a facer versións desas letras lusas é a dozura da articulación vogal á hora de cantalas (tendo en conta todas as variantes existentes: portuguesa, brasileira,... coas súas diversas inflexións). Amais diso, a figura do Zeca, é algo de por si icónica,... a partir de aí todo flúe. Galiza é o meu país, e o galego o seu idioma. Con iso xa che digo todo.
H.P. Se che digo Castrolandín, que che suxire?
M.F. Compromiso dalgúns veciños e veciñas co noso, coa raíz.
H.P. Se che digo burgas?
M.F. Son públicas
H.P. Se che digo “Chove”?
M.F. Penso en verde
H.P. Se che digo unha cor?
M.F. A da choiva
H.P. Se che digo un título, como “A Raia”, que me podes comentar?
M.F. Que non nos fragmenten, nin discriminen, coma nesa canción que titulei “As Raias que nos Separan”.
H.P. Cales son os teus referentes no panorama galego dentro da música de autor?
M.F. Amancio Prada, Batallán, Mini e Mero, María do Ceo, Guadi Galego, Uxía,...
H.P. De que vai o teu novo proxecto musical? Que historia contas?
M.F. Conto a historia dun de neno de oitenta e seis anos que con toda ilusión recorda a súa nenez nos “Cantos de Lembranza”, este disco no a que Balbino Soñador (Xosé Neira Vilas) se lle rende homenaxe.
H.P. As letras das composicións son propias ou proceden doutros autores ou poetas?
M.F. Todos son poemas de Neira Vilas, agás aquel titulado “Cantos de Lembranza” que é unha composición miña na que resumo de xeito lírico a vida do escritor de Gres, e mediante unha colaxe metafórica elaborada cos títulos das súas obras e personaxes.
H.P. Quen ten colaborado nel e quen o edita?
M.F. A listaxe de colaboradores e colaboradoras afortunadamente é longa e fornecedora. Enumérochos: Vítor Freixanes (o prologuista deste traballo), Abraham Leiro (un meniño de sete anos recitando); Uxía Blanco e Neira Vilas (tamén recitando); Uxía Senlle, Sapoconcho Galego, Luís Emilio Batallán e Silvia María (todos cantando); Pablo Vidal e Javier Rabanal (ambos ao contrabaixo), Carlos Calviño (guitarras); Noli Torres e Pablo Vázquez (nas baterías e percusións); Willy Mondeja (no tres cubano e percusións da habanera dedicada a Anisia Miranda); Jacobo González (ao piano); José Acha (coa zanfona); Clara Pino (voz e arpa); Eduardo Méndez e Chavo Dadín (frautas e saxos); e Tareixa Cereixa (intérprete de signos). Contamos dentro da ilustración gráfica con Xosé Vizoso, Xaquín Marín, Sabela Arias, Marifé Quesada e Chema Pazos. Na produción do documental está Pepe Castro Viglerio, Noelia Toledano e Marcelo Santos. Na fotografía e estilismo gustei da colaboración de Alberte Torres (Ene-A fotógrafos) e Baia Fernández. A edición corre a cargo de Sons de Galicia e Limón Producións.
H.P. Telegraficamente, con que palabras poderías cualificar este novo disco?
M.F. Ilusionante, amizade, compromiso, homenaxe.
H.P. Cando se presenta en sociedade?
M.F. Será o mércores día 28 de maio, no Salón Teatro de Compostela, ás 21:00 horas, e totalmente de balde. Estarei arroupado por varios colaboradores e colaboradoras do disco.
H.P. Tes previsto dálo a coñecer en máis lugares?
M.F. Por suposto, niso andamos.
H.P. Cal é a orixe do teu nome como cantautor e que proxectos tes para o futuro?
M.F. O meu nome é unha homenaxe á miña avoa, Felisa, quen me chamaba Manoele; e deste xeito me chaman na miña vila, pola rúa, ou na aldea. Para o futuro pretendo seguir coa mesma ilusión de cantar en galego, á terra e ao idioma, algo que me enche plenamente. Porque si seguirei, mil primaveras máis, cantándolle á lingua de Cunqueiro!
H.P. Un lugar para vivir, unha palabra, un compromiso e unha loita?
M.F. Por orde: Cuntis – Termas – Terra – Idioma.
H.P. Aínda que eu creo, polo que se ve, que Galiza ten un espazo reservado para a túa persoa dentro da historia da música galega do século XXI. Ti como te ves de aquí a 10 anos?
M.F. Pois co empeño de lle cantar á miña terra, achegando un grao de area na consecución dunha sociedade consciente, comprometida e fachendosa co que nos é propio e caracteriza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.