Día negro nas estradas galegas: falecen dúas persoas en senllos accidentes de tráfico

Un camioneiro de 61 anos perdeu a vida en Vilariño de Conso e un motorista de 67 en Poio. Unha muller de 64 anos, que acompaña a este último, está ferida grave.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/03/2022 | Actualizada ás 12:26

Comparte esta noticia

O condutor dun camión faleceu na mañá deste xoves nun accidente de tráfico rexistrado ao saír da vía o vehículo, que ía sen carga, e precipitarse por un desnivel en Vilariño de Conso.  Segundo os datos facilitados polo 112 Galicia e a Garda Civil a Europa Press, este sinistro tivo lugar sobre as 9,00 horas nunha pista na estrada de Castiñeira, no termo municipal de Vilariño de Conso.

Fontes da Garda Civil de Tráfico concretaron que o camión se saíu da vía na estrada de Vilariño a Castiñeira, tras o que caeu e faleceu o seu condutor, de 61 anos de idade. Ademais de Protección Civil da localidade, que informou o sinistro ao 112, foron mobilizados a Garda Civil de Tráfico e Urxencias Sanitarias de Galicia-061, cuxo persoal sanitario só puido confirmar o falecemento.

Unha ambulancia á entrada dun hospital
Unha ambulancia á entrada dun hospital | Fonte: M. Dylan - Europa Press - Arquivo

MOTORISTA FALECIDO

Por outro lado, un home de 67 anos de idade faleceu na mañá deste xoves despois de chocar a motocicleta na que circulaba cun camión no termo municipal de Poio, mentres que o seu acompañante, unha muller de 64 anos, resultou ferida grave. Segundo os datos facilitados por medios que interviñeron, este sinistro tivo lugar sobre as 12,15 horas deste xoves nunha rotonda na estrada PO-308 situada na Avenida de Andurique, en Poio.

O 112 sinalou que, tras ter constancia deste accidente mediante chamadas de particulares, avisou, entre outros medios, aos Bombeiros de Pontevedra, GES, Protección Civil e Policía Local de Poio, así como á Garda Civil e a Urxencias Sanitarias de Galicia-061. O 061 enviou ao lugar unha ambulancia de soporte vital avanzado e outra de soporte vital básico medicalizada cun equipo sanitario de Atención Primaria de Poio para atender a dúas persoas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta