Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/03/2022 | Actualizada ás 13:54
A edil ourensá Natalia González postulouse este xoves como candidata á secretaría local do PSOE da cidade de cara á asemblea extraordinaria da agrupación que terá lugar este sábado, día 12 de marzo, na que competirá co tamén concelleiro Xosé Rúas.
Natalia González é afín á nova executiva do PSdeG encabezada por Valentín González Formoso, mentres que o concelleiro Xosé Rúas é próximo a Rafael Rodríguez Villarino, quen recentemente revalidou o seu cargo como secretario provincial dos socialistas nunhas primarias nas que competiu contra o alcalde do Barco, Alfredo García, tamén próximo á nova dirección do PSdeG.
Nunha carta remitida á militancia, a concelleira destaca que decidiu dar o paso polo "momento chave" que se vive na cidade. "A un ano das eleccións municipais de 2023 temos que ter definido canto antes o noso proxecto de cidade para os próximos anos e terminar os procesos internos para ofrecer unha alternativa seria, competente e potente, porque Ourense está a esperar polo PSOE e necesítanos canto antes e máis que nunca", sinala.
Ademais, Natalia González sostén que, "despois de máis de dous anos de xestora na agrupación", teñen por diante o "gran reto" de "abrir unha nova etapa", "pasar páxina canto antes e traballar con compromiso e lealdade tanto coa dirección provincial como coa autonómica, porque ese é o único camiño para conseguir os obxectivos colectivos, que son os realmente importantes", apunta.
A SOSPEITA DO CENSO
A asemblea de Ourense será a última en celebrarse das sete grandes cidades e terá lugar despois de que nas pasadas semanas militantes do PSOE local denunciasen que a dirección galega permitía unha alteración das bases da convocatoria de renovación da asemblea local para participar no proceso interno. Este feito prodúcese nun contexto no que, segundo confirmaron a Europa Press fontes socialistas, o pasado mes de xaneiro tramitáronse na cidade un centenar de altas. Todo iso despois de que nas primarias á secretaría provincial, Rafael Rodríguez Villarino se impuxera ao alcalde do Barco, Alfredo García, --próximo a Formoso-- por uns 90 votos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.