Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/03/2022 | Actualizada ás 19:36
A Xunta inaugurou en Pistoia (Italia) a mostra fotográfica 'Acollida e Hospitalidade no Camiño de Santiago', que se expón na Sala Affrescate do Palazzo Comunale da localidade italiana ata o próximo 10 de abril.
Segundo informou a administración autonómica nun comunicado, a mostra ten como obxectivo "impulsar a celebración deste Xacobeo excepcional" e, ao mesmo tempo, chámase a atención sobre unha das "pedras angulares" ao redor das que vira o Camiño, "a hospitalidade xacobea".
Trátase dunha exposición itinerante que xa pasou por diferentes puntos de España e do estranxeiro desde 2016. En concreto, a inaugurada este fin de semana en Pistoia, está composta por 47 fotografías de Manuel G. Vicente realizadas ao longo das últimas décadas, tanto nas rutas como nos albergues de peregrinos.
Nelas recóllense instantáneas da "espiritualidade do Camiño" e da experiencia da acollida, ademais de engadir os "valores paisaxísticos".
A Xunta destacou que a elección de Pistoia para acoller esta mostra "non é casual" xa que, ademais do nexo "histórico e cultural" que garda co Camiño e con Santiago, o ano pasado a capital galega acolleu unha exposición realizada pola localidade italiana na que a peza principal foi un altar de prata, a peza de ourivaría máis importante de Europa medieval, creada en honra do Apóstolo Santiago e que se conserva no Duomo de Pistoia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.