Despois das votacións

Todas as candidaturas cheas de razón e a cidadanía e Galiza agardando.

Por Luis Eyré | Monforte | 29/05/2014

Comparte esta noticia
 
 
Mando estas liñas a GC cando aínda se están a celebrar as votacións pero para que se publique despois de que pechen as mesas electorais.
 
Ninguén discute xa que estamos nunha crise económica e social, derivada da xestión da crise financeira en favor dos especuladores monetarios, e a inmensa maioría da cidadanía xa non acredita na democracia do Réxime da IIª Restauración Borbónica nacido do pacto podre entre o franquismo reformista, o PSOE e o PCE. Cando medran a cotío as dificultades e o sufrimento que abranguen ao 99% da cidadanía, non ilusiona ofrecerse como voz en Europa nin dicir que imos facer do parlamento Europeo a caixa de resonancia dos problemas da xente. Nesta altura a cidadanía reclama propostas de solución aos seus problemas ou a menos un vieiro verosímil cara unha democracia real. Por iso estas eleccións resultan tan triste e frustrantes para moitas galegas e galegos.
 
Tampouco serve anunciar que imos cambiar a UE dende o Parlamento cunha maioría da esquerda que se antolla inverosímil. E é unha contradicción non explicada para quen se encheu de dicir que o Parlamento Europeo do Tratado de Lisboa ten un papel absolutamente subalterno do Consello, dos “técnicos” do BCE, etc.
 
En rigor
 
Os verdadeiros suxeitos da Unión Europea son os estados por moito que teñan entregado ámbitos esencias da súa soberanía a UE. E so a acción dos estado, - creba democrática no caso do Estado Español ou independencia da nosa nación - poden protagonizar a creba coas políticas da Troika.
 
Por iso afirmabamos en setembro pasado que “As próximas eleccións europeas poderiamos abordalas como unhas eleccións máis para representar a Galiza no Parlamento Europeo, mais ANOVA debe apostar por convertelas nun plebiscito do Réxime ou ao menos nun ensaio xeral dunha eleccións para a ruptura democrática. ”  Esta convicción formalmente unánime en Anova foi un revulsivo en case todas as forzas políticas “rupturistas” e en amplos sectores da cidadanía. Por fin vían un grupo que non poñía os seu interese partidarios por diante da imperiosa urxencia de restablecer o poder da cidadanía e varrer das institucións aos delegados dos poderes financeiro e monopolistas.
 
A proposta de Fronte Ampla non excluínte, como é lóxico, xerou tamén resistencias nas burocracias de algúns partidos que sempre primaron o control sobre o resultado.
 
Na Galiza é certo que o núcleo resistencialista hexemónico no BNG boicoteou con todos os medios a fronte ampla, pero tamén o é que Esquerda Unida fixo o mesmo negándose a discutir un acordo galego que non estivese de partida comprometido a integrarse na Izquierda Plural da súa matriz madrileña. So CxG apoiou a FA aínda que de xeito pasivo.
 
Nas outras nacións do Estado IU coa colaboración desleal de sectores minoritarios de Anova, cun esforzo digno de mellor causa, tamén se empeñaron en abortar a FA asegurando a xente de Podemos, EH Bildu, Compromís, Mes Mallorca  e multitude de grupos políticos e cidadáns que se tiñan agrupado en Suma, que Anova xa tiña pactado con IU.
 
A posibilidade disipouse cando Anova arriou a da Fronte Ampla e con ela a aposta por facer da ocasión un ensaio xeral dunha eleccións para a ruptura democrática.
 
Sen alternativa rupturista
 
Con todos contentos, IU co aval de Beiras – Anova e BNG confirmando que tiñan razón en desconfiar de nos, a cidadanía esmagada tivo que se resignar a que desta non botamos ás brigadas de demolición dos nosos dereitos sociais e nacionais.
 
Fronte ao Réxime da IIª Restauración Borbónica que apodrece ao vintimperio a cidadanía tivo que resignarse a que os partidos do Réxime co PP á cabeza se atopen sen un adversario suficientemente forte que faga verosímil a súa derrota total.
 
Os avances ou a resistencia poden satisfacer á burocracias dos partidos da esquerda do Réxime, IU e BNG, que “saben que son rupturistas” porque o din eles e que se senten propietarios do descontento e da rebeldía que seica lles corresponde por rigoroso turno de antigüidade como aos militares.
 
Arriar a bandeira da FA tamén danou a credibilidade de Anova que sen unha burocracia que manter ben podía ter permanecido na trincheira. Podería ter resultado un acordo incompleto, so con Compromis, con Podemos ou cos dous. Mesmo podería resultar que Anova quedase soa, pero na miña opinión significaría manter e aumentar o creto diante da cidadanía sen descartar que o resultado dese a sorpresa de obtermos representación.
 
Poucas incertezas, pouca ilusión e moita tristura
 
Do que estou convencido é de que aumento de apoio dos orfos de representación que tería que aumentar canda o aumento dos que queren castigar aos partidos do Réxime, non vai a ser. Tamén que os partidos fetén do Réxime van perder apoios electorais.
 
A dúbida é que vai ocorrer coa esquerda do Réxime, IU e BNG. Se cadra a suposición de que lles toca recoller o descontento do PSOE non é tan así e resulta que a cidadanía farta do Réxime tamén os castiga a eles na medida en que a súa base social é que máis sofre as políticas da plutocracia.
 
Outra dúbida é o resultado de Compromís e Podemos, sobre todo o último que pode acoller aos fartos e desesperados en moito maior número do que anuncian as enquisas.
 
A tristura é sentir que temos desaproveitado a ocasión para Galiza, o Estado e Europa. Que as tres rupturas ou se fan dende as nacións ou non se fan. Sen posicións isolacionistas pero sen concesións ao chouvinismo español for de dereitas ou de esquerdas.
 
Case todo por diante
 
Se aprendemos do erro, se recuperamos o rumbo e traballamos por ofrecer unha saída política á cidadanía, unidade de acción e Fronte Ampla de quen renuncie ao partidismo sectario: con propostas para a maioría social galega sen inventar un País que non existe; se acreditamos na Galiza e somos conscientes que o 70% dos galegos e galegas queren máis capacidade de decidir e iso significa que son potenciais nacionalistas e se tomamos a decisión sincera de aceptar a compañía de calquera persoas disposta a asumir verdadeiramente a defensa da nación cidadán tamén na autoorganización política, todo ten remedio.
 
Eu hoxe, voto ou non. Aínda non o sei.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA