Guerra en Ucraína: un total de 25 menores refuxiados xa están escolarizados en Galicia

A crise de prezos pola guerra centrará un pleno no Parlamento onde a oposición cargará contra o "ausente" Feijóo. Xunta e Goberno apostan por coordinarse e piden "prudencia" para axudar a refuxiados e ir por vías oficiais. Ferrol recolle máis de 10 toneladas de material de axuda e na Coruña promoven unha campaña solidaria. Abel Caballero acusa o BNG de "indignidade política" neste conflito.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/03/2022 | Actualizada ás 15:10

Comparte esta noticia

A Xunta anunciou este martes que xa hai escolarizados 25 nenos e nenas ucraínos nun total de 17 centros educativos de 13 concellos galegos. Unha cifra que, segundo sinalan, aumentará nos próximos días.

Así o trasladou a Consellería de Educación, que indica que a Xunta garante a escolarización "inmediata" de menores en idade escolar desprazados a Galicia por mor da guerra, a través dun procedemento extraordinario nun máximo de tres días desde que se recibe a petición por parte da familia ou das persoas ou entidades sociais ou municipais acolledoras.

Para isto, a Consellería de Educación remitiu unha resolución aos centros escolares co fin de clarificar o procedemento de escolarización a seguir para estes casos e ofrecer "seguridade e certeza" aos equipos directivos. Segundo trasladou a administración autonómica, o obxectivo é favorecer a integración nas comunidades escolares e harmonizar a resposta nos distintos centros educativos de destino.

Así mesmo, a Consellería puxo a disposición do colectivo ucraíno recursos e servizos como o transporte escolar e o servizo de comedor gratuíto para todo o alumnado acollido que o necesite, así como o acceso a libros e material escolar.

Persoas refuxiadas no paso fronteirizo de Siret entre Ucraína e Romanía
Persoas refuxiadas no paso fronteirizo de Siret entre Ucraína e Romanía | Fonte: WORLD VISION.

AXUDA A REFUXIADOS

A Xunta e o Goberno centrral apostan pola coordinación entre todas as administracións e entidades implicadas para garantir a axuda a persoas desprazadas. Para facilitar esta colaboración e activar "canles fluídas de información", poñerase en marcha un grupo de traballo na Comunidade. Así o acordaron nunha reunión na que participaron o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda; a conselleira de Política Social, Fabiola García; e o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, para abordar a crise humanitaria.

Miñones e Rueda, que anticiparon que o venres haberá unha nova reunión, lanzaron, ademais, outra mensaxe: a importancia de optar por canles oficiais e reguladas para prestar axuda aos refuxiados (Accem é a organización que se encarga en Galicia de xestionar a primeira acollida). Non en balde, Miñones resaltou que é preciso que as administracións coñezan "canta xente e en que situación" chegou a Galicia, así como onde están a residir. "

FERROL DOA DEZ TONELADAS DE MATERIAL

A cidadanía de Ferrol doou máis de dez toneladas de material de axuda - mantas, sacos de durmir, produtos de aseo e comida enlatada - á poboación ucraína, no marco dunha campaña de recollida que está aberta ata o vindeiro venres, 18 de marzo. Os puntos de entrega son a sede de Protección Civil, a Casa Solidaria, o centro cívico de Caranza, a Casa da Mocidade, o centro cívico de Canido e a asociación de veciños de San Xoán-Bertón.

Na Coruña, Alvedro Suma, iniciativa solidaria promovida por empresas e traballadores da área coruñesa, sumouse a Cáritas e á Parroquia de Santa Eulalia de Liáns para iniciar unha campaña solidaria. Por iso, púxose en marcha unha recollida de produtos de primeira necesidade que se poderán depositar a partir do mércores 16 de marzo en Tattoo Kids e na sede de Tattoo Contract en Alvedro.

ABEL CABALLERO CONTRA O BNG

alcalde de Vigo, Abel Caballero, mostrouse este martes "absolutamente indignado" pola "negativa" do BNG a condenar a invasión de Ucraína por parte de Rusia, e afirmou que esta posición "lembra" ao apoio dado polos nacionalistas ao "bolcheviquismo da URSS".

O rexedor censurou que o BNG "se nega" a condenar esa "invasión asasina de Putin", a pesar de que tanto o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, como a portavoz nacional, Ana Pontón, expresaron en varias ocasións a súa repulsa por esta invasión (criticando tamén a escalada belicista e o envío de armas a Ucraína por parte de España e outros países).

Segundo o alcalde de Vigo, o BNG negouse a asinar os acordos colectivos que apoian as "forzas democráticas" para condenar esa invasión. "Esta posición lémbrame o tempo de apoio do BNG ao bolcheviquismo da URSS", sinalou, e denunciou que os nacionalistas "equipasen" o apoio dos países democráticos a Ucraína con "a agresión asasina de Putin". "Isto é o BNG de Galicia e do BNG de Vigo, non queren condenar a invasión asasina de Putin, que indignidade política!", proclamou o rexedor.

CRISE DE PREZOS

O impacto na economía e sociedade galega da guerra de Ucraína será o gran protagonista do próximo pleno do Parlamento de Galicia, no que os grupos da oposición (BNG e PSdeG) volverán cargar contra o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, polo que consideran un "abandono" das súas funcións á fronte do Goberno autonómico pola súa condición de candidato a liderar o PP a nivel estatal.

Será nunha sesión cuxa orde do día foi configurada este martes e na que comparecerá por petición propia o conselleiro do Medio Rural, José González, que dará conta do impacto no sector agrogandeiro da crise polo conflito en Ucraína.

O conflito bélico e as súas consecuencias sobre a sociedade e o tecido produtivo de Galicia é o tema elixido polos portavoces da oposición --Ana Pontón (BNG) e Luís Álvarez (PSdeG)-- para confrontar co presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, a quen de novo botarán en cara que se manteña á fronte do Executivo autonómico cando se atopa inmerso no proceso para a súa elección como novo líder do Partido Popular.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta