Xuventudes Socialistas denuncian os "vínculos familiares e económicos" do PPdeG coa patronal do xogo

Lanzan a campaña 'APPosta. Ti perdes, eles gañan' coa que buscan poñer o foco na "inexistente regulación do xogo" en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2022 | Actualizada ás 13:49

Comparte esta noticia

As Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) presentaron este venres, en Santiago, a campaña 'APPosta. Ti perdes, eles gañan' coa que denuncian "a inexistente regulación do xogo en Galicia e os vínculos familiares e amigables que unen á patronal co PPdeG". Nun comunicado, a organización xuvenil criticou "a falta de acción política por parte da Xunta de Galicia para modificar unha lei que leva inalterada desde os anos 80".

Segundo sinalaron as XSG nun comunicado, esta situación "non lles estraña" porque "o presidente da patronal galega, AGEO, é o marido dunha recoñecida parlamentaria popular e colaborou activamente en encontros políticos de Rueda (vicepresidente primeiro da Xunta)". A mocidade socialista explicou que a campaña se apoia nun estudo realizado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) segundo o cal a idade media do "xogador" está a aproximarse á vintena e baixando.

MENORES EN RISCO DE LUDOPATÍA

"O 2% dos menores están en risco de ludopatía, se o trasladásemos ao total da poboación galega sería unha barbaridade en termos absolutos. Están a aproveitarse dos problemas da nosa xeración", afirmou o coordinador da campaña, Sergio Álvarez. Así mesmo, o mozo socialista pediu ás galegas e galegos que "pensasen se, sendo eles susceptibles de acabar arruinados por unha adicción tan forte como a ludopatía, estarían protexidos polo PPdeG cando este depende económica e familiarmente da patronal do xogo".

Por outra banda, o secretario xeral das XSG, Xurxo Doval, alertou sobre que "os datos son preocupantes e non se entende a pasividade da Xunta na materia". Doval asegurou que "o xogo é a cocaína do século XXI e Feijóo non cambiou o seu rol neste tempo".

"REDE MAFIOSA"

Ademais, o secretario cualificou a situación de "rede mafiosa" e sinalou o presidente da Xunta por "formar parte e protexer co poder institucional" esta suposta rede. "Guadalupe Murillo, deputada do PP e presidenta do CF Pontevedra, está casada co presidente da patronal do xogo galego", engadiu Doval. O líder das XSG criticou que "os fogares do país volven ser vítimas dos intereses dunha elite que se lucra das súas miserias e que impulsa a Feijóo no seu salto a Madrid".

Cartel Da Campaña 'Apposta. Ti Perdes, Eles Gañan', Das Xuventudes Socialistas Galegas.. XSG
Cartel Da Campaña 'Apposta. Ti Perdes, Eles Gañan', Das Xuventudes Socialistas Galegas.. XSG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta