Un xulgado galego recoñece a baixa por parternidade a un home cuxo fillo faleceu no parto

A sentenza, ditada en Ourense, abre nova xurisprudencia ao respecto das baixas remuneradas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2022 | Actualizada ás 12:54

Comparte esta noticia

Nova xurisprudencia en materia de permisos por parternidade e maternidade. Un xulgado do social de Ourense vén de recoñecer o dereito dun home a contar coa baixa por parternidade tras o falecemento do seu fillo no parto. A sentenza clarifica así que a Seguridade Social vulnera o seu dereito a manter o permiso por nacemento e coidado da crianza nas mesmas condicións que a nai biolóxica.

Xulgado de Instrución Nº3 de Ourense
Xulgado de Instrución Nº3 de Ourense

A demanda foi presentada pola CIG-Ensino en resposta á negativa do INSS e a Tesouraría Xeral da SS a recoñecerlle ese permiso, alegando que, unha vez que a crianza falecera, non existía razón de ser para o recoñecemento das dezaseis semanas de permiso. A sentenza, que coincide coa argumentación da demanda presentada pola CIG, incide na necesidade de evitar que se vulnere o principio de igualdade entre a nai e o pai, toda vez que os cambios introducidos no RD Lei 6/2019, van na liña de darlle o mesmo trato a ambos proxenitores para, por un lado, corresponsabilizarse dos coidados da crianza e, por outro, evitar que poida existir un trato discriminatorio coa muller polo feito de ter un maior dereito que a súa parella.

O xuíz considera, precisamente, que tratar dun xeito diferente á nai biolóxica (que ten dereito ao permiso por parto en caso de falecemento da filla ou fillo) que á súa parella levaría a unha conduta discriminatoria na que a empresa podería ter preferencia pola “contratación do home porque necesitará menos suspensións de contrato que a muller, que é, precisamente, o que se quere combater, partindo do feito, indiscutíbel, de que, realidades fisiolóxicas á parte, a proxenitura debe supoñer os mesmos dereitos e obrigas para ambos proxenitores con independencia do seu sexo”.

Os efectos desta sentenza, que afecta a un traballador dunha empresa privada, tamén se estenderían ao ámbito do sector público, xa que a negativa á concesión do dereito está vinculada ao non recoñecemento pola Seguridade Social da suspensión do contrato e o aboamento das bases de cotización durante a duración do permiso.

A sentenza pode ser recorrida perante o TSXG e a CIG-Ensino considera que sería "un pésimo exemplo de falta de respecto á propia normativa aprobada polo Goberno estatal que un dos seus Ministerios, precisamente o da Seguridade Social, mantivese unha postura contraria á igualdade efectiva de homes e mulleres nos dereitos e obrigas de atención e coidados dos fillos e fillas en común". De aí que o sindicato veña de dirixir un escrito ao delegado do Goberno en Galicia, instándoo a aceptar "non só a sentenza senón a dar os pasos necesarios para que este dereito se recoñeza de agora en diante, evitando ter que verse na obriga de denunciar para poder ter un dereito despois de pasar pola morte da súa crianza".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta