Ferrol mantén como Fillo Predilecto a un militar franquista que matou a milleiros de civiles en La Desbandá

Salvador Moreno tamén segue tendo unha rúa no arsenal ferrolá, igual que José María González-Llanos y Caruncho, militar golpista, Fillo Predilecto e cunha estatua nunha rotonda do barrio de Esteiro.

Por Galicia Confidencial | Ferrol | 25/03/2022 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

O Concello de Ferrol mantén como fillo predilecto a Salvador Moreno e o Arsenal da cidade ten unha rúa adicada a este militar franquista que bombardeou Xixón e tamén a milleiros de civiles que fuxían de Málaga durante a Guerra Civil nun triste episodio coñecido como La Desbandá.

O militar franquista Salvador Moreno, que acabou coa vida de milleiros de civís desde o acoirazado Canarias durante a Guerra Civil
O militar franquista Salvador Moreno, que acabou coa vida de milleiros de civís desde o acoirazado Canarias durante a Guerra Civil

Por iso, o colectivo de presas e presos políticos de Ferrol pídelle a concello e ministerio que actúen e cumpran a Lei de Memoria Histórica para a eliminación na nomenclatura urbana deste militar.  "Defendemos que as rúas alternativas sexan as apoiadas polos militares asinantes do Manifesto en contra do franquismo nas Forzas Armadas, que propuñan, entre outras, dedicar unha rúa ao Contralmirante Antonio Azarola, Xefe do Arsenal, fusilado polos golpistas", indica este colectivo nun comunicado.

Neste sentido, critica que se retire a rúa González Llanos do Arsenal e que José María González-Llanos y Caruncho, militar golpista, sexa Fillo Predilecto e teña unha estatua nunha rotonda do barrio de Esteiro. "Pedimos que o Goberno municipal de Ferrol realice xestións co bispado de Mondoñedo-Ferrol para que se retire da igrexa castrense de San Francisco a cruz dos 'Caidos por Dios y por España”'', así como a placa nesa igrexa con referencia ao bautismo do “Generalísimo”', indica.

O colectivo valora a Resolución do Ministerio de Defensa do 17 de marzo para a retirada de nove rúas de franquistas no Arsenal. "É unha decisión política resultado da mobilización cívica e non da eficiencia en la organización do Arsenal de Ferrol”, di ao tempo que reclaman que desaparezan de Ferrol todos os nomes vinculados co fascismo, entre eles, o almirante Salvador Moreno.

SALVADOR MORENO

Ferrolán de nacemento, participou desde o inicio na sublevación militar contra o goberno democrático. O 18 de xullo dirixiu a rebelión no Arsenal de Ferrol, apoderándose do cruceiro Almirante Cervera, fondeado no porto e que era protexido por oficiais e soldados fieis á República. Ascendido a Capitán, nas semanas seguintes utilizou ese mesmo barco para bombardear Xixón.

Xa en 1937, comandou o acoirazado Canarias, co que bombardeou a máis de 100.000 civís que fuxían de Malaga en dirección Almería (na coñecida como desbandá), provocando entre 3.000 e 5.000 mortes. A actuación do Canarias foi fundamental ademais para que o exército nacional controlase o Estreito de Xibraltar.

 

En 1939 foi proclamado Ministro de Mariña, cargo que desempeñou en dúas etapas (1939-45 e 1951-57), sendo ascendido a Almirante en 1950 e morrendo en 1966 aos 80 anos de idade. En 2008 foi un dos 35 altos cargos do franquismo imputados pola Audiencia Nacional no sumario instruído por Baltasar Garzón, polos delitos de detención ilegal e crimes contra a humanidade cometidos durante a guerra civil e nos primeiros anos do réxime.

 

O colectivo de presos valoramos a aprobación no Congreso, a iniciativa do PSOE, dunha Proposición no de lei que insta ao Goberno a declarar “La Desbandá” como Lugar da Memoria Democrática. "Pedimos un pouco de coherencia. Se, por un lado, se quere honrar a 5.000 persoas vítimas dunha masacre, non se pode honrar a Salvador Moreno Fernández, que estaba ao mando do Canarias, un dos principais responsábeis deses crimes", asegura.

RETIRADA DOS SEUS RESTOS DO PANTEÓN DE MARIÑOS ILUSTRES

Por iso, insta ao goberno municipal a que solicite ao Ministerio de Defensa que os restos de Salvador Moreno Fernández e Francisco Moreno Fernández sexan retirados do Panteón de Mariño Ilustres de San Fernando (Cádiz). Esta petición xa foi presentada pola deputada socialista e ferrolá Paloma Rodríguez Vázquez, falecida en 2021, a través dunha Proposición non de lei, debatida na Comisión Constitucional do Congreso o 17 de xuño de 2015, e non foi atendida polo Ministerio de Defensa.

Este colectivo valora positivamente esta Resolución do Ministerio de Defensa do 17 de marzo. É unha decisión política resultado da mobilización cívica e non da “eficiencia en la organización do Arsenal de Ferrol”, como sinala Defensa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta