O BNG pide unha "excepción galega" para compensar "sermos grandes produtores de enerxía"

Aínda que dita medida sería "xusta sempre", éo "moito máis nun contexto de crise como o actual", explica Ana Pontón.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2022 | Actualizada ás 14:35

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu que se cree a "excepción galega" para que Galicia teña dereito a unha rebaixa na factura da luz como compensación a ser "un dos grandes produtores de electricidade" en España. Pontón fixo referencia ao acordo chegado onte na Comisión Europea para crear a "excepción ibérica", que inclúe a España e Portugal, para que se poidan adoptar medidas concretas para rebaixar a factura da luz en ambos os países.

Por iso, a portavoz nacional do BNG explicou que se debe "abrir un debate" sobre a creación da que acuñou como "excepción galega". "Somos grandes produtores de electricidade e temos dereito a que esa riqueza repercuta en Galicia" alegou Pontón. Explicou que sería a "compensación" pola especialización na produción de enerxía e polos "custos sociais e ambientais". Así mesmo, engadiu que, aínda que dita medida sería "xusta sempre", éo "moito máis nun contexto de crise como o actual".

EXPECTATIVA ABERTA

Pontón explicou que coa medida que se levou a cabo na Comisión Europea se abre " unha expectativa", pero que aínda está pendente ver "como se concreta". Mencionou que o BNG cre que se debe clarificar canto antes como se vai aplicar, así como que se debe poñer en marcha da maneira máis rápida posible para axudar os sectores máis afectados.

BENEFICIOS ELÉCTRICAS

A portavoz do BNG denunciou que en 2021 as eléctricas gañaron 11.000 millóns de euros, "incrementando un 200% os seus beneficios", e que por iso se debe "ir un paso máis aló" nas medidas no ámbito eléctrico. Pontón manifestou que "é o momento de apostar pola xustiza social" e que por iso se deben "gravar e reducir" os beneficios "escandalosos" das eléctricas para investilos en axudar aos sectores máis afectados pola crise actual, como poden ser as familias, a hostalaría, o sector primario ou de transporte.

"Durante a pandemia moitos destes sectores diciamos que eran heroes, e o que non podemos facer agora é convertelos en viláns", resolveu Pontón en relación á folga de transportes e o parón da hostalaría convocado para o luns. Por iso, fixo un chamamento ao Goberno para que "teña valentía" e "vaia un paso máis aló".

Pontón en Santiago de Compostela.
Pontón en Santiago de Compostela. | Fonte: Europa Press

GOBERNO "Á ALTURA"

Ana Pontón tamén denunciou que o que Galicia necesita é un "Goberno que estea á altura" e non un "que estea en campaña electoral interna, como está nestes momentos o señor Feijóo". Pontón declarou que a sociedade se atopa nun momento no que se necesita "valentía" por parte do Goberno e non "anuncios e propaganda, como estivo facendo nos últimos tempos o señor Feijóo".

Ademais, insistiu en que é "grave" que "coa que está a caer en Galicia" non se publicaron no DOG ningunha das medidas que se anunciou o Partido Popular. "Os gandeiros, o sector pesqueiro, o sector da hostalaría, o sector de transporte non vive de promesas e o que necesitan son gobernos que estean á altura e non en campaña electoral interna", declarou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta