Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/03/2022 | Actualizada ás 12:42
O Concello de Ribeira atribúe a unha "acción vandálica" o incendio que calcinou os tellados de tres pallozas situadas no parque de San Roque desta localidade. Segundo informou o Consistorio, unha chamada dun particular sobre as 23,00 horas deste luns alertou á Policía Local de que se vía lume no parque de San Roque, polo que se avisou ao 112 para que enviase a un equipo de bombeiros.
Personados os axentes no lugar dos feitos, comprobaron que ardían os teitos de palla e madeira de tres pallozas alí situadas. No lugar estaban dous mozos que manifestaron ver un home que tirara pedras aos seus vehículos e, ao ser sorprendido, dirixiuse cara ás pallozas, ás que prendeu lume e escapou, indicaron as mesmas fontes.
Tras iso, efectuouse unha procura desta persoa sen lograr ata o momento dar co seu paradoiro. Por este motivo, seguen as pescudas. Ademais dos Bombeiros de Ribeira e a Policía Local, tamén interveu o GAEM e un axente forestal. A intervención de todos estes efectivos, destaca o Concello, "evitaron que se esparcese o lume".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.