Temas: FRASEOLOXíA

“Quen non ten que facer sacha os nabos”, equivalente, entre moitas, á castelá “cuando el diablo no tiene qué hacer, mata moscas con el rabo” (2ª parte)

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 10/04/2022 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Seguimos, pois, retomando o artigo principiado na entrega anterior, fornecendo paremias que dan conta dunha situación en que alguén está a facer algunha cousa inútil ou pouco produtiva, ou en que simplemente está a pasar o tempo, por non ter nada que facer, con algunha cousa que consideramos banal ou mesmo negativa:

Arrebolamento de sacho. Fonte: Asoc. A Coroa
Arrebolamento de sacho. Fonte: Asoc. A Coroa

Cuando el diablo no tiene qué hacer, mata moscas con el rabo # espanta moscas con el rabo

Cuando el diablo no tiene qué hacer, con el rabo mata moscas # con el rabo caza moscas

Cuando el diablo no sabe qué hacer, mata moscas con el rabo

Cuando el diablo no tiene qué hacer, coge la escoba y se pone a barrer

[E, MÁIS COLOQUIAL OU POPULAR]: Cuando el diablo no tiene qué hacer, abre el culo y papa moscas

{= Paremias que se lle aplican a alguén que está ocioso e, por pasar o tempo, se pon a facer algo inútil, banal ou de pouco proveito, ou ben algo que non nos gusta, que consideramos que non ten xeito nin dereito ou que temos por negativo.}

Quen non ten que facer sacha os nabos

Quen non ten nada que facer sacha os (seus) nabos antes de nacer

Quen non ten que facer, os zapatos espiolla

[E MAIS]:

Quen non ten que facer, os seus nabos sacha antes de nacer

Quen non ten que facer sacha o nabo antes de nacer

Quen non ten que facer, os seus nabos sacha

Quen non ten que facer vai sachar os nabos antes de nacer

Ex.: —Siempre ha sido un solterón convencido, pero dicen que ahora que ha cogido el retiro se dedica a navegar por internet a ver si encuentra alguna novia. —¡Bueno, hombre, cuando el diablo no tiene qué hacer, mata moscas con el rabo!

—Sempre vos foi un solteirón convencido, pero disque agora que colleu o retiro se dedica a navegar por Internet a ver se atopa algunha moza. —¡Vaites, ho, quen non ten que facer sacha os nabos (antes de nacer) quen non ten que facer, os zapatos espiolla!

● E tamén:

Cando o demo non ten que facer, co rabo torna as moscas # co rabo axota as moscas # co rabo espanta as moscas && O demo, cando non ten que facer, co rabo torna das moscas # co rabo axota as moscas # co rabo espanta as moscas && O demo, cando non ten que facer, senta o cu e ponse a erguer && Cando o demo non ten que facer, en algo se ha de entreter && O demo, cando non ten que facer, saca pelos dunha perna e apégaos noutra && Cando un non ten que facer, saca pelos dunha perna e apégaos noutra && [E MAIS, CON MAIOR CARGA COLOQUIAL E FAMILIAR]: O demo, cando non ten que facer, caga na casa por ter que varrer && Quen non ten que facer caga na casa e ponse a varrer

● Mesmo tamén (e tendo en conta que as seguintes paremias poden así mesmo dar a entender –ademais, supomos que como emprego primixenio ou orixinal– que o vagar ou lecer motiva que se vaian facendo cousas, e que con tempo abondo todo o mundo é quen de facer algo, incluso algo que en principio podería parecer difícil ou complicado):

El vagar hace cucharas && El ocio es jaulero y pajarero

O vagar fai culleres (de pau) && O tempo fai culleres && Quen ten vagar fai culleres && O vagar fai culleres, e quen non ten que facer sacha o alcacén

NOTA:

As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Castro Otero, Salvador et alii: “Largando aparellos nos caladoiros do Morrazo”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 22, 2020, páxs. 231-256. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 1”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 14, 2012, páxs. 287-308. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Goce Denis, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Blog no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/

- Paz Roca, Mª Carmen: “Aínda novos escritos paremiolóxicos de Vázquez Saco”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, páxs. 247-293. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Taboada Chivite, Xesús: Refraneiro Galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 2, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta