Convocan unha manifestación polo dereito á autodeterminación de Galicia para o 24 de abril

Baixo o lema 'Somos unha nación', Vía Galega propón esta marcha co obxectivo de "crear máis conciencia nacional e de reforzar a autoestima colectiva como país".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/04/2022 | Actualizada ás 16:01

Comparte esta noticia

A Plataforma Vía Galega convocou para o domingo 24 de abril, ás 11,30 horas, unha manifestación en Santiago de Compostela baixo o lema 'Somos unha nación', co obxectivo de "crear máis conciencia nacional e de reforzar a autoestima colectiva como país". Na rolda de prensa de presentación estiveron o portavoz de Vía Galega, Anxo Louzao, xunto con outras figuras que leron o manifesto como Neves Rodríguez, comunicadora e actriz; Marta Dacosta, escritora e profesora; e Pablo Carracedo 'Jasper', músico, vocalista de Nave e profesor.

Tamén asistiron en representación das máis de 60 entidades que conforman a plataforma o secretario xeral da CIG, Paulo Carril; o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira; Belén Rodríguez da directiva de Adega; o coordinador xeral de Fruga, Manuel da Cal; Manuel Agra, de Erguer; Lucia Veciño, da Fundación Galiza Sempre --ligada ao BNG--; María Antonia Pérez, presidenta da A.C. O Galo; entre outros. Así mesmo, asistiron membros da coordinadora de Vía Galega --Rafael Iglesias, Adrián Bravo, Olaia Chaves e Antón Laxe--.

Este mes de abril, lembra Vía Galega, conmemóranse os 176 anos do abril de 1846 que Manuel María denominou "abril de lume e ferro" en que sucederon levantamentos, pronunciamentos, proclamas e a creación da 'Xunta Superior do Goberno de Galiza' que "denunciaba que Galicia estaba convertida nunha verdadeira colonia da corte".

Esta revolución rematou o 26 de abril co fusilamento en Carral dos 'Mártires da Liberdade'. "Estamos ante un fito histórico que estaba a colocar os alicerces do nacionalismo soberano e emancipador de hoxe", manifestou Anxo Louzao, quen agregou que "por iso, desde Vía Galega, conscientes da necesidade de lembrar e recoñecernos na nosa historia que durante cinco séculos se negou, ocultou ou manipulou", a plataforma opta pola convocatoria dunha manifestación baixo o referido lema.

"PAÍS OPRIMIDO, EXPLOTADO E NEGADO"

Ademais de lembrar esta efeméride, esta manifestación ten como obxectivo "esixir os dereitos nacionais, como nación que somos". "Non só temos todos os trazos que definen  unha nación, senón que temos a vontade de existir politicamente; somos unha nación disposta a responsabilizarnos do noso futuro como pobo, sen subordinacións nin dependencias e pretendemos desterrar a falacia de que somos un país subsidiario", aseverou.

"O que si somos é un país oprimido, explotado e negado; e por iso, esiximos exercer o dereito inalienable que lle agarraches a todas as nacións do mundo: o dereito á autodeterminación, o dereito a decidir por nós mesmos", sentenciou. Entre os motivos citados, referiuse á crise de prezos de produtos básicos, ao prezo da electricidade, que Galicia exporta pero "non ten tarifa eléctrica galega nin empresa pública do sector"; ou ao "espolio" de materias primas e recursos naturais, así como a "españolización diaria" que padece a cidadanía galega.

Convocan en Santiago para o 24 de abril unha manifestación coa lema 'Somos unha nación'. VÍA GALEGA
Convocan en Santiago para o 24 de abril unha manifestación coa lema 'Somos unha nación'. VÍA GALEGA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta