Ter VIH non supón maior risco de desenvolver covid-19 grave, segundo un estudo

É a conclusión dunha investigación da Sociedad Española de Medicina Interna participado por hospitais galegos, no que se conclúe que a posibilidade de ingreso en UCI, ventilación mecánica ou morte é menor que en pacientes covid sen VIH. Con todo, segue habendo falta de consenso nos estudos científicos.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 10/04/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Dous anos despois de declararse a pandemia de covid-19 causada polo coronavirus SARS-CoV-2, sabemos que ter unha idade avanzada, ser home e ter comorbilidades como  hipertensión arterial, enfermidade cardiovascular, obesidade ou diabetes, entre outras, se asocian cun peor prognóstico desta enfermidade. Pero contra o que se podería pensar, e críase, entre o grupo de persoas inmunodeprimidas, nas que teñen o virus de inmunodeficiencia humana (VIH), causante da sida, isto non semella un factor que aumente as probabilidades de desenvolver covid-19 grave en persoas contaxiadas con VIH e SARS-CoV-2. Así o afirma un estudo publicado agora, realizado por un grupo de especialistas da rede SEMI-Covid-19, da Sociedad Española de Medicina Interna (SEMI), no que se integran expertos dos hospitais do Sergas en Santiago, Ourense, Ferrol, Monforte de Lemos e O Salnés.

Persoal sanitario atende un paciente de Covid-19 na UCI do hospital Povisa de Vigo
Persoal sanitario atende un paciente de Covid-19 na UCI do hospital Povisa de Vigo | Fonte: Miguel Riopa - Remitida por Povisa.

É máis, nos resultados do seu estudo, “a infección por VIH asociouse cunha menor probabilidade de ingreso na UCI, ventilación mecánica invasiva ou morte” en pacientes tamén contaxiados con covid-19, en comparación con outros só infectados polo SARS-CoV-2. Así o afirman os autores desta investigación, publicada agora na revista científica internacional AIDS.

O obxectivo da investigación foi comparar os resultados de hospitalización por covid-19 entre persoas con e sen VIH. O estudo observacional retrospectivo realizouse en 150 hospitais en España, con datos de pacientes ingresados ​​do 1 de marzo ao 8 de outubro de 2020 con diagnóstico de covid-19 confirmado por proba PCR. Os investigadores rexistraron datos demográficos, comorbilidades, signos vitais, parámetros de laboratorio e a gravidade clínica, así como os tratamentos recibidos durante o ingreso, a duración do tratamento, o ingreso en UCI, o uso de ventilación mecánica invasiva e a morte. En total, recolléronse datos de 16 563 ingresos de pacientes, todos maiores de idade, dos cales 98 (0,59%) eran de persoas coinfectadas con VIH e o coronavirus.

En xeral, os pacientes con VIH e covid-19 eran máis novos, a porcentaxe de varóns era maior e o seu índice de comorbilidade tamén era maior 

Observouse que, en xeral, os pacientes con VIH e covid-19 eran máis novos (idade media 10 anos máis nova), a porcentaxe de varóns era maior e o seu índice de comorbilidade de Charlson tamén era maior (o índice de comorbilidade de Charlson é un sistema de avaliación da esperanza de vida aos dez anos, en dependencia da idade en que se avalía e das comorbilidades do suxeito).

Por outro lado, aínda que o consumo de alcohol e de tabaco foi significativamente máis elevado en pacientes con VIH, a presión arteral alta (un factor de risco coñecido para os malos resultados clínicos de covid-19) foi menos frecuente nestes

O estudo revela que a duración dos síntomas da covid-19 foi menor en persoas coinfectadas con VIH e covid-19 que en persoas co cornavirus pero sen VIH (5,64 vs. 6,54 días). Unha diferenza que, como apuntan os investigadores, “non foi estatisticamente significativa”. Tampouco se atoparon diferenzas no tipo de síntomas presentados, agás por unha maior aparición de dores de cabeza e tose seca nos pacientes con VIH, unido a un mellor estado respiratorio á hora de presentarse ás urxencias, o cal, opinan, “pode ser un reflexo indirecto dunha maior conciencia de vulnerabilidade no contexto da pandemia, que leva a estes pacientes a buscar asesoramento médico ou ser derivados de atención primaria antes que outros ante a presentación de signos e síntomas clínicos sospeitosos”.

Por outro lado, a PCR do SARS-CoV-2 foi positiva en mostras nasofarínxeas no 93,9% das persoas con VIH, en comparación co 98,1% das persoas sen VIH, aínda que a positividade foi maior no esputo (3,1 vs. 1,6%) e no lavado broncoalveolar (3,1 vs 0,4%) nas mostras de pacientes co virus de inmunodeficiencia humana.

As taxas de mortalidade e o resultado composto de ingreso na UCI, ventilación mecánica invasiva ou morte foron máis baixas entre os pacientes con infección polo VIH, segundo este estudo.

DATOS

En xeral, o estudo apunta que as características dos pacientes coinfectados no momento do ingreso hospitalario “parecen mostrar un mellor estado clínico, aínda que as diferenzas non alcanzaron significación estatística debido ao pequeno tamaño do grupo” de persoas co virus de inmunodeficiencia humana neste estudo, recoñecen os seus autores. De feito, non houbo diferenzas que consideren significativas entre os pacientes con e sen infección polo VIH en canto á presenza de taquipnea, presión arterial sistólica e diastólica, ou temperatura. Non obstante, a saturación de osíxeno en sangue foi maior en pacientes con VIH (94,24 vs. 92,87%), niveis máis baixos de interleucina 6, dímeros D, troponina I e niveis moi similares de proteína C reactiva (PCR) ou linfocitos, o cal “ parece indicar que as características clínicas da covid-19 e a resposta inflamatoria foron menos graves nos pacientes con VIH”, apuntan.

Con todo, os científicos non descartan que “outro dos posibles motivos que puido contribuír a isto pode ser a existencia dun limiar de alerta máis alto en persoas con VIH en comparación coas persoas sen VIH, o que leva a un período de tempo máis curto entre a aparición dos síntomas e a chegada ao servizo de urxencias”.+

“Non hai ningunha evidencia firme ata a data que asocie ningún axente antirretroviral cunha gravidade menor ou mellores resultados de covid-19"

Os investigadores destacan os niveis significativamente máis baixos de troponina I en pacientes con infección polo VIH, o cal, segundo estes, “podería reflectir un menor dano ao miocardio nestes individuos” (a  troponina I cardíaca é un marcador moi sensible e específico de lesión  miocárdica; canto máis dano se produza no corazón, maior será a cantidade de troponina que haberá no sangue).

En canto aos tratamentos, a porcentaxe de persoas con VIH que recibiu lopinavir/ritonavir para o tratamento da covid-19 foi menor que no grupo de pacientes sen VIH (37,5 vs. 59%), pero non se atoparon diferenzas no uso doutros fármacos para a covid-19 e de antibióticos. O feito de administrarse menos lopinavir/ritonavir a pacientes con VIH “probablemente se fixo como medida para evitar posibles interaccións indesexables coa terapia antirretroviral” que se lle aplica a persoas co virus de inmunodeficiencia humana.

Neste aspecto, matizan que “non hai ningunha evidencia firme ata a data que asocie ningún axente antirretroviral cunha gravidade menor ou mellores resultados de covid-19 e, ademais, o 66,7% dos pacientes con VIH do noso estudo que morreron estaban recibindo antirretrovirais”.

Doutra banda, non se atoparon diferenzas significativas na necesidade de ventilación mecánica non invasiva (8,2 vs. 5,1%, duración media de 3 vs. 4,8 días) ou ventilación mecánica invasiva (5,1 vs. 7%, duración media de 8,25 vs 14,33 días). “Polo tanto, pódese inferir que non houbo diferenzas en canto á asignación de recursos no contexto da pandemia entre os pacientes con VIH positivo e negativos”, engaden.

No que respecta ás complicacións durante o ingreso, os pacientes coinfectados tiveron unha menor frecuencia de pneumonía bacteriana (2,1 vs. 11%), sepse (1 vs. 6,2) e shock (0 vs. 4,6%), e observáronse algunhas pequenas diferenzas para a síndrome de dificultade respiratoria aguda (28,9 vs. 33,9%), insuficiencia cardíaca (2,1 vs. 5,9%), arritmias (2,1 vs. 4,1%), infarto agudo de miocardio (0 vs. 0,8%), insuficiencia renal (7,25 vs. 13,9%) ou enfermidade tromboembólica venosa (0 vs. 2,3%).

A mortalidade entre os pacientes do estudo coinfectados foi do 12,4%, fronte ao 21,3% nos que tiñan covid-19 mais non VIH

Dos pacientes con VIH e covid-19, o 6,1% foi trasladado á UCI, fronte ao 8,7% das persoas sen VIH, e non houbo diferenzas substanciais na duración do ingreso na UCI (13,17 vs. 15,81 días). Mentres que a duración da estancia hospitalaria foi de 13,73 fronte a 11,16 días, respectivamente, e a mortalidade, de 12,4% fronte ao 21,3%.

No que respecta ao resultado composto, isto é, as tres posiblidades conxuntas de ingreso na UCI, ventilación mecánica invasiva e morte, ocorreu no 15,5% das persoas con VIH e no 26,5% das persoas sen VIH. Isto, segundo os expertos, podería explicarse pola idade dos pacientes, xa que que fronte a covid-19 esta é unha variable con forte peso, e os pacientes con VIH deste estudo tiñan unha media de idade dez anos menor que os que non tiñan VIH.

Ao aplicar unha análise de regresión loxística da mortalidade, incluíuse a presión arterial alta, o índice de comorbilidade de Charlson, o sexo e a idade, ademais da infección polo VIH. Estas variables, segundo os autores do estudo, “mostraron asociacións estatisticamente significativas coa mortalidade e co resultado composto do ingreso na UCI ou a ventilación mecánica invasiva ou a morte”.

A infección polo VIH non se asociou significativamente cunha menor mortalidade, pero a asociación do sexo masculino, idade, presión arterial alta e o índice de Charlson cunha mortalidade máis alta mantívose. E cando se realizou a análise de regresión loxística do resultado composto de ingreso en UCI ou ventilación mecánica invasiva ou morte, incluíndo as mesmas variables que na análise anterior, mantívose tamén.

En definitiva, e segundo os responsables do estudo, ser paciente con VIH e SARS-CoV-2 non quere dicir que teña máis risco de desenvolver covid-19 grave ou de morrer.

NA PROCURA DE CONSENSO

Como lembran os autores deste estudo, outros estudos observacionais informaron dun aumento da mortalidade en persoas con VIH e covid-19, en comparación coas persoas co coronavirus pero sen VIH, pero tamén existen outros traballos científicos nos que non se detectaron peores resultados, aos que agora se suma a súa investigación.

Estes investigadores, en representación da SEMI, suxiren que “as infeccións de VIH controladas poden non estar asociadas cun aumento da mortalidade” por covid-19”, se ben recoñecen que “non todos os estudos apuntan na mesma dirección”.

Un estudo realizado en Cataluña mostrou maior risco de padecer covid-19 grave en pacientes con VIH, pero naqueles inmunosuprimidos severos con comorbilidades

O propio Ministerio de Sanidad español apúntase á hipótese que desliga o VIH dun maior risco de covid-19 grave e afirma que “non existe evidencia científica neste momento que suxira que as persoas con VIH presenten un maior risco de adquirir o virus  SARS- CoV-2 ou de padecer complicacións graves se desenvolven a enfermidade por covid-19”. E engade: “Sobre o efecto do VIH na gravidade clínica da covid-19, a maioría dos estudos describiron unha maior mortalidade por covid-19 nas persoas co VIH comparadas coa poboación xeral da mesma idade e sexo, pero isto parece deberse á maior frecuencia de comorbilidades que se asocian a mal prognóstico en covid-19”.

Entre eses estudos que si relacionaron a evolución da covid-19 co VIH e a frecuencia de comorbilidades atópase un traballo recente, publicado en novembro de 2021 na revista científica HIV Lancet, no que participaron 16 hospitais de Cataluña. Neste traballo concluíuse que os pacientes con VIH inmunosuprimidos severos con comorbilidades poden ter un maior risco de padecer covid-19 grave e, polo tanto, deberían ser pacientes prioritarios na xestión clínica e nos programas de vacinación contra o SARS-CoV-2.

Este resultado non entra en contradición co do traballo da SEMI, xa que neste último se analizaron casos de pacientes con VIH con bo control virolóxico e inmunolóxico, mentres que no estudo catalán eran persoas cun perfil clínico peor, severamente inmunodeprimidos e con comorbildiades, e ademais, cunha idade de 65 ou máis anos, mentres que na investigación estatal os coinfectados con VIH e SARS-CoV-2 tiñan de media 57,9 anos.

A comunidade científica anda na procura de maior consenso sobre os posibles impactos do VIH na covid-19.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta