Por gcdeportes | As Somozas | 22/06/2014 | Actualizada ás 19:47
Houbo foguetes e o We are the Champions sonou nos altofalantes. E os xogadores deron a volta ao campo de Pardiñas para festexar a xesta cos afeccionados. Foi tras cumprir o soño de Manolo Candocia, o seu presidente falecido en xaneiro no partido de Liga contra o Cerceda. O seu lugar trala portaría ocupouno Gema Candocia, a súa filla, que choraba coa emoción. Un pequeno pobo que apenas chega a 1.500 veciños, na terceira categoría do fútbol español.
O Somozas xogou co 5-1 da ida en Tenerife. Non quería sustos Míchel Alonso, que pedía intensidade os seus. Estiveron os locais seguros atrás, pese aos arreóns visitantes. Non se moveu o marcador no primera metade, e co paso dos minutos o filial foi baixando o ritmo. A mellor ocasión do partido chegou nunha contra do Somozas: Héber, no minuto 67, só diante do meta rematou fóra. O Tenerife fixo o 0-1 cando os locais xa case celebraban o ascenso: Kevin no 85, e un minuto despois foi expulsado por dobre cartón amarelo.
O Somozas xogará o ano que ven na Segunda B con Racing de Ferrol, Compostela e Coruxo. Haberá que agardar que pasa co Ourense, ou se o Celta B pode mercar algunha praza libre.
Ficha técnica
Somozas: Abraham; Javi Rosa, Fiúza, Álex Bao, José Manuel; Iago López (David Franch, 75), Baleato, Héber, Luis Ángel, Pablo Antas (Pablo Berros, 59') e Stefan (Rubén, 70').
Tenerife B: Carlos; Josua, Iván, Jorge, Franco; Kevin, Santi Jiménez (Adrián, 68'), Jordan (Álex73'), Jairo, David Amorín e Nata (Denzell, 63').
Gol: 0-1: Kevin (minuto 85).
Árbitro: Alonso Prendes (colexio asturiano). Expulsou por dobre cartón amarelo a Kevin (Tenerife) no 86'. Amarelas a Héber no Somozas e a Santi e Jairo no Tenerife,
Incidencias: volta da 3ª eliminatoria polo ascenso a Segunda B no Municipal de Pardiñas.
O que non puido ascender foi o Pontevedra, que non pasou do empate (0-0) na súa visita a Puertollano. Os granates deixaron pasar o tren do ascenso en Pasarón, onde perderan 0-2 hai unha semana, e xogarán por cuarto curso consecutivo na Terceira División. No partido de volta, dominou e tivo ocasións, pero non foi quen de marcar ese gol que puxese nervioso o equipo local.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.