Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/04/2022 | Actualizada ás 12:39
A presidenta da Federación de Anpas de Lugo (Fapacel), Isabel Calvete, denunciou que hai centros que "case" obrigan aos estudantes a levar máscara, a pesar de que o Ministerio de Sanidade xa non impón o seu uso en interiores.
"O que nos transmiten as familias é que está a haber unha gran desorganización", asegurou Calvete, que sostén que o ministerio e a Consellería de Sanidade aseguran que "non existe a obrigación de levar máscaras" pero despois "hai colexios que lles piden aos nenos case como unha obrigación que as leven".
A presidenta das Anpas de Lugo asegura que "xa é hora de porse de acordo e ser coherentes", porque "neste caso non hai marxe de interpretación". "Non sabemos porque pasa isto. As recomendacións din que no caso de persoas vulnerables téñenas que levar, pero noutras circunstancias nos centros de ensino público non hai esa obrigación", lembrou.
Isabel Calvete requiriu á "consellería de Educación que poña as cousas claras" de forma que "non volvan tolas ás familias e non poñan aos nenos no medio desta polémica". Así mesmo, constatou que "xa" recibiron "queixas" de Anpas e de pais porque hai "un gran descontrol". "A recomendación é para os familiares (do uso de máscaras), que son os que deciden si as levan ou non, e non para os centros", subliñou. Calvete puntualizou que esta situación se dá "en Guitiriz" e noutros centros da provincia onde mesmo os pais remitirán un escrito á consellería de Educación para que "aclaren esta polémica tan parva".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.