O PSdeG denuncia os "graves defectos" do Hospital de Conxo e a Xunta defende o seu traballo

"Temos uns enormes profesionais en saúde mental, pero debemos dotalos de medios para que poidan traballar o mellor posible", aseguran os socialistas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/04/2022 | Actualizada ás 19:08

Comparte esta noticia

O PSdeG censurou este xoves a actitude da Xunta respecto da situación do hospital psiquiátrico de Conxo, en Santiago de Compostela, acusándoos de "rirse" dos tres informes elaborados polo Defensor do Pobo que desde 2017 alerta dos "graves defectos de recursos". Ante isto, a Xunta asegurou que "levan anos" traballando en mellorar a situación do centro e remarcou que están "satisfeitos" coa atención dada polos profesionais.

O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamou na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento galego apoio para os profesionais médicos. "Temos uns enormes profesionais en saúde mental, comparativamente dos mellores de España, pero debemos dotalos de medios para que poidan traballar o mellor posible", comentou.

Pide que se tomen "medidas" e que se cumpra "o prometido", aludindo aos anuncios do conselleiro en 2018, "cando dixo que tiñan en conta as alertas do Defensor do Pobo ou á última iniciativa parlamentaria aprobada pedindo unha auditoría externa". Torrado referiuse tamén ao grupo de traballo creado polo Goberno galego en novembro de 2021, "catro anos despois do primeiro informe" e á auditoría externa "substituída por un informe técnico interno".

Así, o deputado socialista acusou a Xunta de "tentar esconder" o informe elaborado polo propio Sergas que admitía "instalacións deficientes, medidas de contención mecánica sobre os pacientes e doses elevadas de fármacos". Reclamou tamén ao Sergas que "se comprometan a facer unha auditoría externa de verdade" sobre a situación do centro, porque "se trata de ter unha visión o máis obxectiva posible para garantirlle os recursos suficientes aos profesionais".

A XUNTA DEFENDE O TRABALLO REALIZADO

Pola súa banda, o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, defendeu o traballo realizado polo Goberno galego ata o momento e mostrouse "satisfeito" co traballo dos profesionais. Segundo detallou, "aínda que viña traballando antes", en novembro de 2021 creouse un grupo de traballo para actuar en base ás recomendacións do Defensor do Pobo con persoal técnico e de xestión da área sanitaria e a Consellería.

Ademais de diferentes visitas, indicou que se realizan obras de mellora en espazos de uso cotián e para facilitar o traballo dos profesionais. Elaborouse tamén, explicou, un plan funcional para a reorganización de espazos que permita "un mellor coidado" das persoas ingresadas.

Aboal destacou ademais que, en base ao informe do Defensor do Pobo e as súas recomendacións, se elaborou un proxecto de prevención do suicidio e unha guía de acollida para opacientes; ademais de favorecer a comunicación electrónica entre pacientes e familias, "garantindo a súa confidencialidade e intimidade".

Hospital psiquiátrico de Conxo, en Compostela.
Hospital psiquiátrico de Conxo, en Compostela.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta