O Museo de Pontevedra presenta os seus fondos máis importantes na colección 'Esenciais'

A saída á rúa iníciase cunha tirada de 500 exemplares en galego.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2022 | Actualizada ás 18:53

Comparte esta noticia

O Museo de Pontevedra presentou este martes unha nova colección de publicacións denominada 'Esenciais' coa que divulga información sobre os seus fondos máis importantes. O primeiro exemplar está dedicado a Castelao, figura destacada no nacemento do museo e a única á que a entidade ten dedicadas de forma monográfica dúas salas expositivas como artista.

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera; o director do Museo, Xosé Manuel Rey; a responsable de Publicacións Ángela Comesaña; e o coordinador de Difusión e Contidos Divulgativos e autor dos textos, José Manuel Castaño deron a coñecer nunha comparecencia ante os medios de comunicación o primeiro libro, titulado 'Castelao no Museo de Pontevedra'.

Segundo explicaron, estas publicacións están pensadas para un público non especialista e editaranse nun formato manexable e cómodo, cun deseño atractivo e sinxelo. Cada dez exemplares monográficos poñerase a disposición unha caixa colectora para as persoas que os queiran coleccionar.

A saída á rúa iníciase cunha tirada de 500 exemplares en galego. O prezo para o público será de dez euros.

UNIFICA O RIGOR CIENTÍFICO

César Mosquera destacou que esta colección unifica o rigor científico e o coidado da parte divulgativa e Xosé Manuel Rey incidiu na renovación da política editorial que vén levando adiante o Museo e que quere dar impulso tanto aos soportes tradicionais como a xerar novas narrativas sobre as coleccións propias.

Pola súa banda, José Manuel Castaño explicou que a primeira publicación presenta a Castelao en función de como están articuladas as salas dedicadas a el no Museo. Os libros estarán dispoñibles en galego, español e inglés "para saír ao mundo máis internacional", comentou Ángela Comesaña. O Museo xa ten en marcha a confección do segundo número de 'Esenciais', que versará sobre o Tesouro de Caldas.

Museo de Pontevedra
Museo de Pontevedra | Fonte: xunta.gal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta