San Xoán coma síntoma

O Concello da Coruña botou o resto no San Xoán. O espazo que noutros tempos ocuparon o circo, os touros, o fútbol, queda agora para as festas. Coa relixión baixo sospeita, representan o novo opio do pobo.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 03/07/2014

Comparte esta noticia
Galicia é terra de troula. Mesmo dos velorios se tira proveito a prol desta tradicional vocación esmorgueira. Celébrase a colleita, a vida en comunidade, o cambio de estación, a mudanza do vello polo novo, a xunción co mundo das tebras. Cada santo ten a súa devoción e cada ingrediente a súa festiva manifestación. Hai fins de semana nas que resulta difícil atopar un recuncho en paz no país, cada vila en pé por calquera motivo ou ocasión. 
 
Disque é propio de sociedades pouco desenvolvidas. Talvez. Tamén que proceden da sabedoría popular e de valores coma o traballo, a comuñón coa terra, o agradecemento e mesmo a concepción finita e universal das existencias. Foron movementos procedentes da tradición nas que as familias, a xente, eran os espontáneos protagonistas ano tras ano. 
 
Pouco queda da fórmula. Os representantes políticos decatáronse, máis ca do carácter ritual, do valor que tales expresións noutrora populares adquiría de control veciñal, de propaganda e de proxección alén da contorna local. Representantes incapaces de xerar riqueza para os seus territorios, de captar proxectos e activar investimentos; incapaces en xeral. Pero organizar festas non ten misterio, lévase facendo mesmo séculos. 
 
O Concello albiscou a oportunidade. Facer do San Xoán un tempo de troula e esquecemento. Ateigou o solar municipal de bandeirolas inauditas, con reproducións que parecían extraídas de Legoland. Artellou un programa de festexos de quecemento á espera da xornada central. Concertos de grupos de fóra e tal e tal. Cartos a esgalla. Ese día parcelou as praias, instalou postos de entrega de madeira, sanitarios, carteis por un San Xoán sustentable! Emprazou abondoso persoal de vixilancia e atención urxente. E veña bandeirolas. En castelán todo, of course, agás algún lema en galego ou inglés, por aquilo de que tamén existen. Na rúa esperaban un par de bandas, unha tocando unha versión dos chiripitifláuticos (verdade rigorosa), a outra un chascarraschás. Tamén un grupo de gaitas, arrepentido, supoño, de poñer en risco a súa dignidade. E uns globiños coa mecha prendida, e os fogos habituais, e unhas faíscas, e a falla valenciana. Ante todo, hordas de xente desnortada, agora para Riazor, despois para o Orzán. E entón empeza o desfile, micro carrozas para meigas e meiguiñas, que oportunidade perdida para ficaren na casa. Unha moza leva á carreira o facho perseguida por unha corte motorizada. E a xente que mira sen entender o que tal fai alí, media esmagada. Algún visitante xura nunca máis volver. O resultado final, o mesmo dos anos anteriores, vergonza e a praia feita unha esterqueira. San Xoán, a gran festa do lixo. 
 
Ese semella o modelo do concello da Coruña, do PP como antes foi do PSOE. Cren que levantaron unha cidade de servizos pero o que fixeron foi tornala nunha vila hortera e falaz, unha cidade fachada onde so interesa a fotografía e a propaganda. Un dos deberes dunha corporación é a administración leal dos recursos públicos. Semella ser porén o seu derradeiro criterio e interese. Revisen as concesións de proxectos, a que mans van parar; os resultados, agochados ou manipulados; o emprego, en mínimos, a miseria, en máximos. En anos anteriores estragaron as praias, que cubriron de grava e po. Convertidas en canteiras de litoral, nelas non se pode nin camiñar. Coa marea baixa, nin sequera tomar un baño é factible. Iso por uns módicos oito millóns de euros. Acabamos de celebrar o San Xoán. Eses son os valores que alimentan: viva a frivolidade e morra o medio natural. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego