Outra máis de Gómez Noya

O triatleta ferrolán vence na proba de Chicago e suma catro vitorias de cinco nas Series Mundiais, co que vai camiño de acadar nesta tempada o seu cuarto título de campión mundial.

Por gcdeportes | Compostela | 30/06/2014 | Actualizada ás 08:57

Comparte esta noticia

Camiño do cuarto título de campión mundial. Catro de cinco triunfos este ano nas Series Mundiais. Esgótanse os adxectivos con Javier Gómez Noya. O triatleta ferrolán venceu este domingo na estrea de Chicago no calendario e suma deste xeito a cuarta vitoria da tempada. Acabou entre os dez primeiros a natación, estivo no pelotón de cabeza na bicicleta e rematou na carreira a pé, deixando atrás ao mallorquino Mario Mola. O galego lidera as Series Mundiais con 3.742 puntos, 420 por enriba do segundo, Mario Mola.

Gómez Noya, na carreira a pé.
Gómez Noya, na carreira a pé. | Fonte: @triathlonlive

O segmento da natación foi dominado polo francés Aurelien Raphael, pero entre os perseguidores, a menos de dez segundos, atopábase ben colocado o triatleta ferrolán. Na primeira volta do ciclismo, formouse un pelotón en cabeza con 20 homes, incluídos Gómez Noya e Fernando Alarza, grupo que na segunda dos oito voltas medrou a 33. Escaparon Tom Davison e Cameron Good, pero trala transición á carreira a pé, tres españois --Gómez Noya, Alarza e Mario Mola-- xa lideraban a proba.

Alarza quedou atrás e a vitoria íase decidir entre Gómez Noya e Mario Mola. O galego ataca de lonxe e vaise 10 segundos do balear, que finalmente sería superado tamén polo portugués Joao Pereira e remataría terceiro.

Na meta, Javier Gómez Noya impúxose con oito segundos de vantaxe sobre Pereira e 19 sobre Mola. O triatleta ferrolán, que chegaba a Chicago tras descansar uns días por dores na pranta do pé, suma unha nova vitoria: catro de cinco (en Londres gañou Mario Mola). Faltan duas probas e a final. O título está máis preto.

Gómez Noya, no centro do podio, cos rañaceos de Chicago ao fondo.
Gómez Noya, no centro do podio, cos rañaceos de Chicago ao fondo. | Fonte: @triathlonlive
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta