Miguel Santalices, presidente do Parlamento: "A autonomía sentoulle moi ben á sanidade pública galega"

Participou este xoves no acto de inauguración do Segundo Encontro Mundial de Médicos Galegos organizado por ASOMEGA.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 05/05/2022 | Actualizada ás 18:46

Comparte esta noticia

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, participou este xoves no acto de inauguración do Segundo Encontro Mundial de Médicos Galegos organizado por ASOMEGA, que se celebra en Santiago de Compostela ata o día 7 de maio. Alí, o presidente da Cámara trasladou o "agradecemento sincero" a todo o equipo de ASOMEGA pola organización dunha "cita de dimensión universal, tan universal como a diáspora galega"·

Miguel Santalices participa na inauguración do encontro de Asomega
Miguel Santalices participa na inauguración do encontro de Asomega | Fonte: Parlamento de Galicia.

Na súa intervención, Santalices lembrou a etapa previa ao traspaso de competencias sanitarias á Xunta como unha época "de moitas carencias na sanidade pública", o que obrigaba a "apelar á galeguidade solidaria de moitos médicos galegos que exercían fóra das nosas fronteiras xeográficas na procura de tratamentos punteiros".

Referiuse logo Santalices ao traspaso a Galicia das competencias referentes á asistencia sanitaria como un "antes e un despois, sempre para mellor, para o conxunto de galegas e galegos". Hoxe en día, destacou, "a rede pública galega conta con equipos sanitarios -técnicos e humanos- punteiros, que resisten calquera comparación e superaron satisfactoriamente o test de tensión da recente pandemia".

Paralelamente, o presidente do Parlamento lembrou que Galicia "vén de celebrar os 40 anos da súa autonomía, consecuencia do pacto constitucional articulado por todos os españois a partir do exemplo de entendemento e concordia que caracterizou a transición da ditadura á democracia".

"A autonomía sentoulle moi ben á sanidade pública galega", destacou Santalices, quen recalcou a importancia dun modelo descentralizado no que as decisións sanitarias se adoptan "a pé de rúa, á beira da xente, coñecendo perfectamente as súas necesidades".

O presidente da Cámara pechou a súa intervención engadindo que ningún destes avances sería posible "sen a implicación activa do elemento máis valioso da sanidade: os profesionais que poñen o seu mellor talento ao servizo das persoas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta