As casas de apostas, o lugar onde agochar o que molesta

A industria do xogo ten múltiples lecturas, e entre elas, unha urbana. Alí onde unha tenda de barrio troca por un local de apostas, a vida cambia, a cidade expulsa.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/05/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"Lembro xente que viña unha vez á semana e xogaba seis, dez, trinta euros a un Real Madrid - Barcelona, pero tamén había quen estaba constantemente na sala. Xente que non tiña traballo, que vivía en zonas máis empobrecidas, que estaba á marxe da sociedade, e que facía do seu día a día estar alí dentro". Quen fala é unha extraballadora dunha casa de apostas do Grupo Comar, primeiro na Coruña e logo en Santiago. O seu traballo como operadora de apostas deportivas pasaba por axudar os clientes no xogo e vixiar que non fosen menores de idade nin estivese anotados nas listas de autoprohibición.

Local de Luckia
Local de Luckia | Fonte: arquivo

Unha das condicións que lle impoñía a empresa era limitar ao máximo a interacción coas persoas que entraban no local. "Ao final a xente perde moitos cartos por este tema. A ti como traballadora indícanche que te involucres o menos posible. Non se recomenda entablar relacións nin podes saudar os clientes pola rúa para evitar que xurdan comportamentos incómodos ou violentos", explica esta traballadora, que recoñece ter sufrido algunha situación de acoso por parte dalgún cliente que "non quería cumprir as normas". 

"O ambiente non era bo, había moita tensión, e cónstame que había compañeiros que non pedían o DNI a menores de idade. Iso tamén era un conflito para min. Se ti fas cumprir as normas pero hai outras persoas que non, a clientela interpreta que o problema es ti, que non deixas entrar", lembra esta empregada. O cumprimento da normativa era "laxo" e o grupo "expoñía" ao propio persoal. "A protección dos traballadores sempre quedaba por baixo da protección dun cliente conflitivo, non se coidaba o persoal como debería e a túa posición sempre estaba cuestionada".

Ela coñece desde dentro o que case ninguén ve desde fóra. Sportium, Luckia, Codere... As casas de apostas que poboan vilas e cidades galegas e que substitúen aquela froitería de barrio ou aquela tenda histórica de roupa, non deixan ver o que acontece no seu interior, onde reina a oscuridade. As cristaleiras que dan á rúa cúbrense con imaxes de deportistas en plena celebración dun gol ou a piques de meter o balón na canastra. Imaxes felices, de éxito, que ocultan unha realidade máis crúa.

O contexto de precariedade, o malestar social e a desesperanza son as mellores bazas dun negocio que xera miles de millóns de euros anuais a costa da saúde de moitas persoas que acaban afundidas en débedas ou adiccións. E é que o xogo patolóxico, tal como recolleu Galicia Confidencial nestoutra reportaxe, vive un crecemento a raíz da regularización do xogo no 2012 e afecta cada vez máis á mocidade, que atopa nos locais de apostas un punto de encontro e socialización. 

CIDADE AO SERVIZO DE FONDOS VOITRE

A problemática destes espazos require múltiples lecturas, dado que responden a dinámicas sociais, económicas e mesmo urbanas que operan en conxunto. Neste sentido, as casas de apostas son "unha peza máis dentro dun gran quebracabezas" que converte os espazos urbanos nun "produto" para o consumo, explica a urbanista da cooperativa Seteoitavas, María Ríos. Un produto que, ademais, vén controlado polo capital financiero, e en concreto, por fondos voitre que "teñen gran parte da propiedade inmobiliaria e que controlan que barrios se xentrifican e en que momento", prosegue Ríos.

Estes fondos son os propietarios de dúas das grandes casas de apostas que operan no Estado e en Galicia: Codere e Sportium. Así pois, as casas de apostas son un exemplo máis de como o solo das nosas cidades e vilas se converte en mera mercadoría. Á fin, "temos os mesmos axentes ao redor de todos os movementos da cidade. Trátase dunha trama de control que lles permite crear e xestionar a cidade en función dos seus intereses", explica a urbanista. 

"OCULTAR O QUE NON GUSTA"

Por iso, o emprazamento dunha casa de apostas nun lugar determinado nunca é casual. A maior tendencia a colocar estes locais en barrios obreiros ou mesmo preto dos colexios responde a unha intencionalidade clara: a de aproveitar a vulnerabilidade de quen ten maiores necesidades dese diñeiro sinxelo. Así, a clase traballadora con economías precarias é cliente potencial máis fácil de atraer a través da venda dunha "fantasía". 

Detrás destes movementos pode advertirse unha estratexia de segregación e expulsión do espazo público daquelas persoas máis marxinadas. "Na cidade acontece o mesmo que sucede a nivel persoal nas redes sociais, onde intentas amosar unha construción de ti mesma. Hai unha querenza por limpar a cidade do que non interesa, por ocultar o que non gusta ou o que non se leva, e as casas de apostas empatan con esa estratexia. Metemos estas persoas dentro para que, ademais, non as vexamos sequera a través dos cristais", relata Ríos, que explica que estas dinámicas non son novas.

A "ocupación masiva" do espazo público por parte da hostalaría ou a proliferación das ordenanzas de civismo que prohiben formas de relacións que non son normativas tradúcense nunha "privatización" do espazo. "Sobre todo, para aquelas persoas que teñen menos capacidade económica, para adolescentes que usan o espazo público como lugar de socialización... O resto está nos seus clubs, ximnasios, terrazas, ou nas propias casas onde poden ter ocio".

Contrasta, iso si, a opacidade das casas de apostas coa luminosidade dos grandes casinos e bingos que se colocan, pola contra, nas zonas máis adiñeiradas. A diferenza visual en canto á fachada, materiais e acabados revela diferentes estatus sociais. "Os casinos e bingos, que levan moitas máis décadas entre nós, son lugares de alto standing onde se resolven negocios. Hai unha entrada luminosa que nos fala de que non importa ser visto por estar aí. Non é algo socialmente denostable. É xente que que consegue xerar riqueza e desenvolver un tipo concreto de relacións e contactos", sinala Ríos. 

OUTROS ESPAZOS: OUTROS INTERESES 

Ao igual que acontecía coa droga nos anos oitenta, as casas de apostas fan rexurdir a teoría do silenciamento da voz da mocidade. "Mentres estás consumindo, mentres creas unha adicción ao xogo, non estás preocupándote dos problemas reais e loitando contra eles", prosegue Ríos. Por iso, dende o ámbito do urbanismo urxen "espazos públicos de calidade, integrados e accesibles" como unha fórmula máis de crear novos intereses e oportunidades para a mocidade.

Non é o mesmo, di Ríos, medrar nun espazo urbano intervido que "medrar ao carón dunha praza onde podes atoparte coas amizades, xogar ao fútbol, charlar, ter os primeiros encontros amorosos... Nunha cidade onde te podes mover con seguridade. Todo isto fai que adquiras responsabilidades, que madures". Deste xeito, María Ríos aposta por unha cidade non construída desde o control, senón dende a "escoita activa e a observación" á diversidade de persoas que ocupan os espazos para responder ás súas necesidaes.

"Se as cidades ofrecesen prazas, equipamentos municipais para xogos non tan regrados como as actividades extraescolares ou iniciativas da man de museos, o espazo convertiríase en xerador de novos intereses e coñecementos, dun pensamento crítico e de dinámicas diferentes". Claves para unha cidadanía sa e en poder do seu propio espazo.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta