Por Galicia Confidencial | Verín | 11/05/2022 | Actualizada ás 09:00
Segundo confirmou días atrás o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, o Plan Hidrolóxico Nacional asumirá os prantexamentos formulados polo Concello de Verín para renovar totalmente o sistema de abastecemento da Mancomunidade da comarca, pasando a un revolucionario sistema que cambie totalmente o actual modelo, obsoleto e non suficiente para garantir as necesidades dos municipios.
O rexedor de Verín, Gerardo Seoane, mantivo recentemente varias reunións con alcaldes e técnicos da zona para fixar unha postura común nas alegacións e propostas sobre tal tema para a Confederación Hidrográfica do Duero. Nas súas intervencións defendeu que a solución pasaría por deixar de esgotar os recursos do Val, e pasar a captar en varios puntos de altura noutras zonas, enmarcadas na demarcación da Confederación Miño-Sil, que baixarían por gravidade ata a comarca desde o embalse de As Portas.
A SOLUCIÓN FORMULADA ENCAIXA NO 'PLAN HIDROLÓXICO'
O informe que servirá para o proxecto do Plan Hidrolóxico admite que "el refuerzo de suministro que se propone puede plantearse a través de la solicitud de una concesión de aguas superficiales en la cuenca del Miño-Sil, para lo cual sería viable una transferencia desde el embalse de As Portas, mediante las correspondentes infraestructuras de trasvase y la creación de una junta rectora en el nivel administrativo".
Desta forma, os responsables hidrolóxicos estatais recoñecen que a solución plantexada no seu día por Verín non é so axeitada, senón viable, e así o recollerán nos seus documentos.
ANTECEDENTES
En decembro pasado, Seoane defendía ante os demais rexedores que "é necesario un cambio radical: Estamos nunha comarca que pode chegar a unha poboación estacional de 27.000 persoas, e neste intre é necesario reprantexarse o ciclo ca auga completo na nosa comarca: tanto os sistemas de captación --con máis de 200 puntos, cada un coa súa problemática-- como as redes de distribución --cunha execución moi deficiente-- e cun sistema de depuración practicamente inexistente".
Neste senso, propuña o que definía coma "o proxecto ambiental máis importante do sur de Galicia no século XXI, cambiando o ciclo da auga desde as estribacións dun parque natural --O Invernadoiro-- ata a Zona Especial de Conservación das Veigas do Támega e a fronteira con Portugal".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.