Seguen aumentando os hospitalizados con Covid aínda que baixan os contaxiados

As vítimas da pandemia ascenden a 3.449 e a taxa de positividade baixa a un 22%.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2022 | Actualizada ás 11:25

Comparte esta noticia

Os pacientes hospitalizados pola Covid-19 volven superar os 700 tras ascender a 716 no conxunto de Galicia, que implican 21 máis, mentres que descenden a 11.458 os casos activos, que supoñen 940 menos, tras rexistrarse 619 contaxios. Polo seu lado, a taxa de positividade baixa a un 22,6 por cento en Galicia.

Segundo os datos actualizados este mércores pola Consellería de Sanidade, con rexistros ata as 18,00 horas do martes, recollidos por Europa Press, descenden a 22 as persoas hospitalizadas en UCI pola Covid-19 en Galicia --catro menos-- e aumentan a 694 as ingresadas en unidades convencionais --25 máis--, mentres que 10.742 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio. O pasado mércores, 11 de maio, había 760 hospitalizados, deles 19 en UCI.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria soamente se alivia na da Coruña e Cee, na que descenden a oito os pacientes Covid en UCI --dous menos-- e mantéñense 162 os ingresados noutras unidades. No resto das áreas aumentan os ingresados. En concreto, na de Pontevedra e O Salnés descenden a dous os pacientes Covid en UCI --un menos-- e aumentan a 87 os hospitalizados noutras unidades --dez máis--; mentres que na de Santiago e Barbanza seguen dúas en críticos e increméntanse a 111 os doutras unidades.

Pola súa banda, na área de Vigo aumentan a cinco os pacientes Covid en UCI --un máis-- e a 99 os ingresados noutras unidades --dúas máis--; mentres que na de Ourense descenden a dúas os críticos --dous menos-- e increméntanse a cinco os hospitalizados noutras unidades --cinco máis--.

Na área de Ferrol mantéñense tres pacientes Covid en UCI e ascenden a 57 os hospitalizados noutras unidades --un máis--; e a de Lugo continúa como a única sen ingresados en críticos e rexistra 68 noutras unidades --un máis--.

CASOS ACTIVOS EN DESCENSO

Os casos activos de Covid-19 seguen en descenso desde o pasado sábado e sitúanse en 11.458, que supoñen 940 menos que a xornada anterior, ao haber máis altas (1.552), que contaxios (619), ao que se engadern sete falecementos. Hai unha semana --o mércores, 11 de maio, había 14.609 infeccións activas.

O descenso é xeneralizado no sete áreas sanitarias, coa da Coruña e Cee á fronte (-188), seguida das de Vigo e Lugo (-155 en cada caso), Ourense (-144), Santiago e Barbanza (-133), Pontevedra e O Salnés (-107) e Ferrol (-62). Así, con máis infeccións activas continúa a área da Coruña e Cee, con 2.413; seguida da de Vigo, con 2.089; Santiago e Barbanza, con 1.787; Ourense, con 1.559; Lugo, con 1.394; Pontevedra e O Salnés, con 1.278 e á cola mantense a de Ferrol, a única por baixo do milleiro, con 923.

MENOS CONTAXIOS

Os contaxios de Covid-19 sitúanse en 619, tras os 927 novos casos abertos en 24 horas o martes e arrincar esta semana con 502. Co novo protocolo xa non se contabilizan os autotest positivos e non se fan probas de diagnóstico a poboación en xeral, salvo á vulnerable. O mércores 11 de maio rexistráronse 1.373.

En canto á taxa de positividade --número de PCR positivas por cada 100 realizadas-- descende a un 22,6% este mércores, tras situarse no 31,45% o martes e comezar esta semana no 29,39%. Así, mantense por encima do 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia.

FALECIDOS

As vítimas da pandemia pola Covid-19 no conxunto de Galicia aumentan a 3.449 despois de notificar a Consellería de Sanidade este mércores outros sete óbitos con respecto ás 3.442 rexistradas ata o martes.

UCI do Hospital Clínico de Santiago / Ana Varela - SERGAS.   / Europa Press
UCI do Hospital Clínico de Santiago / Ana Varela - SERGAS. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta