Baltar cualifica de "performance" o intento de reunión entre PSdeG e PP en Santiago para falar sobre Jácome

"Son a terceira forza a nivel Galicia, o único vestixio que queda do resultado que obtivo Gonzalo Caballero no Parlamento e o líder do PSOE nesta provincia", lembrou Baltar trasladando como "suxestión" que "acorden unha reunión para falar da crise que vive o partido na cidade e na provincia".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2022 | Actualizada ás 17:58

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación Provincial de Ourense, Manuel Baltar, cualificou de "performance" o intento de reunión por parte do Partido Socialista co Partido Popular de Galicia para, en palabras dos socialistas, "perfilar o desaloxo" de Gonzalo Pérez Jácome (DO) da alcaldía de Ourense.

O Partido Popular xa confirmara a súa decisión de non acudir á cita que unicamente fixaran os socialistas. Para Manuel Baltar "é unha performance máis dun partido que non está no seu mellor momento nin no seu mediano momento".

"Son a terceira forza a nivel Galicia, o único vestixio que queda do resultado que obtivo Gonzalo Caballero no Parlamento e o líder do PSOE nesta provincia", lembrou Baltar trasladando como "suxestión" que "acorden unha reunión para falar da crise que vive o partido na cidade e na provincia".

Así dixo sobre a visita dunha delegación ourensá da formación a Santiago de Compostela para reunirse co PPdeG que, "é algo ao que xa ten adoitado o Partido Socialista ourensán", pondo de exemplo "cando foi á notaría para ver se aparecía alguén por alí para asinar un papel"; en referencia á presentación dunha moción de censura por parte do partido contra Gonzalo Pérez Jácome, que necesitaba o apoio do resto de partidos.

"POLÍTICA ERRÁTICA"

"É a política errática de sempre, que produce os mesmos resultados erráticos de sempre", sentenciou Baltar cuestionando que o secretario provincial da formación, Rafa Villarino, valore "se está actuación pública, posiblemente a única deste mes" é "traballo suficiente" tendo en conta "tanto os seus ingresos como portavoz do grupo provincial, como portavoz no Concello e non digamos xa como din que é profesor no Campus de Ourense".

"Creo que non é o exemplo máis edificante, pero eu con este logo detrás", dixo Baltar pousando ante o logo do PP (nese momento cambiaron o panel, xa que foi preguntado no marco da súa roda como presidente da deputación), "fago votos para que siga aí durante moitísimo tempo".

SOBRE O PLENO EXTRAORDINARIO

Nesta mesma liña manifestouse sobre o pleno extraordinario convocado para o vindeiro mércores na Deputación Provincial, unha convocatoria solicitada polo Partido Socialista para pedir a dimisión de Gonzalo Pérez Jácome.

"Ese pleno rematará como todos esperamos", aseverou o presidente Provincial de Ourense manifestando que os grupos políticos teñen capacidade para solicitar plenos extraordinarios por cuestións que "redunden no beneficio da provincia ou que melloren as súas condicións".

"O Partido Socialista elixiu este tema", un tema que, lembrou, xa foi tratado previamente no Concello de Ourense "que é a cámara de representación política onde debería tratarse". "Debería durar escasamente unha hora porque non ten nin rogos nin preguntas, cada grupo fixará a súa posición, votarase e volverémonos a ver dous días despois no pleno ordinario'', expuxo.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, en rolda de prensa este mércores. ALBERTE PAZ/DEPUTACIÓN DE OURENSE / Europa Press
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, en rolda de prensa este mércores. ALBERTE PAZ/DEPUTACIÓN DE OURENSE / Europa Press

O "PESO DE OURENSE"

Baltar reivindicou tamén o "peso" da provincia na política, non só autonómica, senón estatal. "O peso de Ourense está aí, o peso de Ourense é tal que un ourensán vai presidir o Goberno da Nación e preside agora mesmo a forza política máis importante de España" e a nivel autonómico "o peso de Ourense no ámbito lexislativo tamén o preside un ourensán".

Así, dixo que "se Ourense é a provincia con menos poboación, algo ten que ter para que os ourensáns estean nos postos de maior nivel e maior rango". Así mesmo, insistiu en que o Executivo "cumprirá todas as expectativas que desde Ourense teñen expostas" e incidiu na importancia da nova incorporación de Diego Calvo, porque "foi presidente dun goberno provincial".

E por tanto, "ten unha visión moi importante á hora de levar as cuestións vinculadas á presidencia e ás relacións coas administracións locais e provinciais". "Teño postas as maiores expectativas no Executivo como as tiña no anterior goberno", dixo Baltar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta