"Temos que reconstruir un equipo"

O aragonés Víctor Fernández, que gañou a Intertoto co Celta, firma por unha tempada e garante "un compromiso absoluto co proxecto". Tino Fernández sostén que chega "con moítisima ilusión". Isaac Cuenca, segundo reforzo.

Por gcdeportes | A Coruña | 10/07/2014 | Actualizada ás 22:17

Comparte esta noticia

Pouco máis de 48 horas pasaron dende a sorprendente saída de Fernando Vázquez e a presentación de Víctor Fernández como novo adestrador. O técnico chegou pouco antes das doce da mañá a Coruña, pechou o acordo por unha tempada e foi presentado pola tarde.

Víctor Fernández, adestrador do Dépor para a 2014-15.
Víctor Fernández, adestrador do Dépor para a 2014-15. | Fonte: @RCDeportivo

Trátase do cuarto adestrador que nos últimos quince anos chega ao Deportivo tras pasar polo Celta: primeiro foi Javier Irureta, despois Miguel Ángel Lotina e Fernando Vázquez, e agora Víctor Fernández. O adestrador maño (28-novembro-1960) cumpre de xeito peculiar o perfil necesario adiantado por Tino Fernández, de experiencia e títulos: gañou Copa e Recopa co Zaragoza, Intertoto co Celta e Supercopa de Portugal e Intercontinental co Porto, pero non adestra en Primeira dende xaneiro do 2008. O seu último equipo foi o Gante belga, do que foi despedido en setembro de 2013.

Na súa presentación, Víctor Fernández garantiu “un compromiso absoluto co proxecto”, para reconstruir o equipo na súa volta á Liga BBVA: "Somos conscientes de que é un ano complicado, porque temos que reconstruir un equipo que vai necesitar vontade e gañas, que as temos, e acerto, que é o que temos que amosar”.

Coñecedor das causas do despido do seu predecesor, non falou de primeiras ou segundas opcións, pero si deixou claro que "vai ser necesaria a incorporación de bastantes xogadores", tarefa a realizar con calma e tendo en conta o hándicap “da situación económica”. Víctor Fernández expuso o seu proxecto: "Debe primar unha idea, o traballo en grupo, o colectivo por riba do individual e deixar o Dépor no lugar que nunca debeu abandonar". E lanzou piropos á afección, “unha forza fantástica” que lle dá tranquilidade: “Sempre defenderei un fútbol que logre emocionar á xente, para que o deportivismo sexa feliz".

Sobre o seu paso polo Celta, Víctor Fernández, con casa en Sanxenxo, onde pasa longas tempadas, pediu que non se lle xulgue polo seu pasado, pero recoñeceu moitas mensaxes de felicitación dende Vigo. “Son un profesional, un apasionado do fútbol, e este é o lugar agora. É un desafío e loitarei por gañarme un anaco no corazón do deportivismo”.

Tino Fernández repetiu argumentos 24 horas despois e destacou do seu novo técnico que chega "con moitísima ilusión" e que “aposta claramente polo proxecto" do Dépor.

Pouco antes da presentación de Víctor Fernández, o Deportivo fixo oficial a segunda fichaxe: o extremo Isaac Cuenca, de 23 anos, a quen o Barcelona deixou libre a pesares de ter unha tempada máis de contrato. Roberto Canella, cedido polo Sporting de Xixón, foi o primeiro reforzo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta