A Cámara galega condena a invasión de Ucraína e reclama recursos para refuxiados

Fíxoo tras unha iniciativa do PSdeG e nun debate con acusacións de "alma soviética" do PPdeG ao BNG.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/05/2022 | Actualizada ás 17:59

Comparte esta noticia

A Cámara galega condenou a invasión de Ucraína e apoiou os "esforzos" do Goberno central e da Unión Europea para reivindicar a "legalidade internacional", á vez que pediu á Xunta a mobilización dos recursos "necesarios" para acoller persoas refuxiadas.

Fíxoo tras unha proposición non de lei presentada no pleno polo portavoz do PSdeG, Luís Manuel Álvarez, quen incidiu na "violación sistemática de dereitos" en Ucraína. "Oporémonos a calquera agresión imperalista", expuxo tamén, ao tempo que recalcou ás demais formacións o apoio "ao Goberno de España", non "como PSOE" senón como membro integrante da Unión Europea.

O BNG, que apoiou só dous dos cinco puntos aprobados, reivindicou a oposición "clara a calquera tipo de guerra" por parte desta formación, segundo expuxo a súa deputada Olalla Rodil, quen, no entanto, pediu un posicionamento en contra tamén pola situación do pobo palestino ou o saharauí.

"Ao BNG moléstalle máis a OTAN que o imperalismo de Rusia", replicoulle a viceportavoz do PPdeG, Paula Prado, quen os acusou de ter "alma soviética". Tamén de seguir, nesta cuestión, os criterios do deputado no Congreso, Néstor Rego, fronte aos da "lideresa", dixo en referencia á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

No texto finalmente aprobado, condénase a "agresión de Rusia a Ucraína" e apóianse os "esforzos" de Goberno central e Union Europa para o "restablecemento inmediato da paz". Móstrase, ademais, o apoio á Unión Europea polas sancións a Rusia e ínstase á Xunta a realizar "todos os esforzos necesarios para mobilizar recursos" e acoller refuxiados de forma coordinada con outras administracións.

Os deputados da Cámara galega votan mocións no pleno
Os deputados da Cámara galega votan mocións no pleno | Fonte: Parlamento de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta