Unha investigación da USC detecta en Galicia cinco "rexións de apelidos"

Son similares ás divisións eclesiásticas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2022 | Actualizada ás 18:10

Comparte esta noticia

Unha tese desenvolvida pola investigadora da USC María José Ginzo Villamayor constatou que Galicia se atopa dividida en cinco sectores segundo a "rexionalización dos apelidos", áreas que, á súa vez, se aproximan ás divisións eclesiásticas ou dioceses. A investigación partía da base de que a análise dos patróns que se observan na distribución dos apelidos ao longo dun territorio proporciona datos sobre movementos e características das poboacións.

Para a responsable da investigación, as similitudes entre a estrutura de poboación identificada no estudo dos apelidos e as divisións eclesiásticas confirma que ambos os tipos de información "están relacionados con condicionantes históricos antigos", tras "relacións estreitas e duradeiras no tempo entre os poboadores destas áreas" que levan a unha distribución concreta dos apelidos.

Esta tese céntrase na introdución de novas técnicas estatísticas para o tratamento e datos e modelización en xeolingüística, concretamente, en datos de onomástica en Galicia. De forma máis específica, a tese atende a dous problemas principais: por unha banda, a construción de rexións de apelidos en Galicia e, por outra, o estudo e modelización de patróns espaciais e espazo-temporais dos apelidos.

"Os apelidos poden ser utilizados como unha fonte de información para caracterizar á poboación dunha rexión", explica a investigadora.

A análise tamén profundou no caso asturiano, a partir da información cedida pola Sociedade Asturiana de Estudos Económicos e Industriais. Segundo o estudo comparativo dos datos onomásticos e lingüísticos, concluíuse que a rexionalización dos apelidos en Asturias desemboca en catro rexións onomásticas, similares ás áreas dialectales tradicionalmente recoñecidas no dominio asturiano.

Arquivo - Libros. XUNTA
Arquivo - Libros. XUNTA | Fonte: ANA VARELA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta