Así queda o calendario escolar para o curso 2022/23 en Galicia

A orde do DOG inclúe os períodos vacacionais e fixa o período de adaptación en Infantil ata o 16 de setembro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/06/2022 | Actualizada ás 13:47

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este xoves o calendario escolar definitivo para o próximo curso 2022/23, que non inclúe modificacións con respecto ao borrador presentado a principios de maio. Así, as clases arrincarán en todas as etapas o xoves 8 de setembro e finalizarán o 21 de xuño de 2023.

Segundo a orde recollida no DOG, asinada polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, o calendario queda como foi redactado pola Xunta a pesar das críticas vertidas polos sindicatos --CIG, ANPE, UGT e CC.OO.-- en mesa sectorial, que pedían atrasar o inicio ao venres 9 ou, mesmo, ao luns 12 de setembro para así manter en 175 os días lectivos.

En calquera caso, finalmente será o xoves 8 o inicio das clases para todos os niveis educativos --Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato--, que ata o momento tiñan datas distintas. A finalización será o mércores 21 de xuño de 2023 con carácter xeral, fóra dos ensinos de réxime especial --concluirán o 30 dese mesmo mes-- e 2º de Bacharel --axustarase ao calendario da EBAU--.

En canto aos períodos vacacionais, estarán fixados do 23 de decembro ao 6 de xaneiro, ambos os incluídos, en Nadal; os días 20, 21, e 22 de febreiro para Entroido; e desde o día 3 ao 10 de abril, ambos os incluídos, para Semana Santa.

Así mesmo, serán non lectivos os festivos de ámbito estatal, autonómico e municipal. No caso das festas locais, se unha ou dúas coinciden con días que non son lectivos de acordo co calendario escolar, os centros poderán solicitar á xefatura territorial de Educación que se movan a outras xornadas "argumentando razóns de tradición, costume ou conveniencia pedagóxica" antes do 21 de outubro.

Á parte de todos eles, a Xunta estableceu a celebración do Día do Ensino, que será non lectivo, o luns 31 de outubro de 2022.

CONMEMORACIÓNS NOS CENTROS

A orde que este xoves se publica no DOG tamén establece que os centros "poderán celebrar" determinadas conmemoracións que inclúan na súa programación anual. Se algunha destas datas cae en sábado, domingo, festivo ou período non lectivo, poderase retomar o día lectivo inmediatamente anterior ou posterior.

A listaxe de conmemoracións para o próximo curso inclúe o Día Universal da Infancia (20 de novembro); o Día Internacional contra a Violencia de Xénero (25 de novembro); o aniversario da Constitución e do Estatuto de Autonomía de Galicia (30 de novembro ao 7 de decembro); o Día das Persoas con Discapacidade (3 de decembro); e o Día da Declaración Universal dos Dereitos Humanos (10 de decembro).

Xa en 2023, a Consellería contempla a celebración do Día Internacional da Educación (24 de xaneiro), o Día da non Violencia e a Paz (30 de xaneiro), o Día de Rosalía de Castro (23 de febreiro), Día da Muller (8 de marzo), Día dos Dereitos do Consumidor (15 de marzo), a Semana da Prensa (6 ao 10 de marzo), Día das Artes Galegas (1 de abril), Día da Saúde (7 de abril), Semana do Libro (17 ao 21 de abril), Día contra o Acoso Escolar (2 de maio), Día de Europa (9 de maio), Semana das Letras Galegas (15 a 19 de maio) e Día do Medio Ambiente (5 de xuño).

Xunto a todas estas datas, a Xunta tamén dispón que os centros sostidos con fondos públicos realizarán actividades específicas cando se aproximen celebracións internacionais pola igualdade de dereitos do colectivo LGBTIQ+, de conformidade coa lei galega de igualdade de trato e non discriminación.

PERÍODO DE ADAPTACIÓN ATA O 16 DE SETEMBRO

A orde da Consellería de Educación tamén recolle que aqueles centros con Educación Infantil establecerán un período de adaptación, coa incorporación gradual do alumnado no 4º curso desta etapa, "que non se prolongará máis aló do día 16 de setembro". Iso si, terase en conta a escolarización previa das crianzas na etapa de 0 a 3 anos, a existencia de irmáns matriculados no mesmo centro, así como as necesidades familiares, garantindo, en todo caso, a atención a tempo completo se as familias así o solicitan.

Nena no seu pupitre nunha aula dun colexio de Galicia / Xunta de Galicia. / Europa Press
Nena no seu pupitre nunha aula dun colexio de Galicia / Xunta de Galicia. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta