A profesora Pilar Bermejo tomou posesión como decana de Química

Aposta pola promoción da internacionalización e da interdisciplinariedade para a posta en valor do centro.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/07/2014 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

A catedrática Pilar Bermejo xa é decana da Facultade de Química. O acto protocolario de toma de posesión foi celebrado este martes en San Xerome e marca o inicio dun período de catro anos nos que pretende desenvolver un “proxecto de renovación e actualización do centro”.

O reitor da USC, Juan Viaño, coa nova decana de Química, Pilar Bermejo
O reitor da USC, Juan Viaño, coa nova decana de Química, Pilar Bermejo

Entre os principais obxectivos da nova decana están acadar “un goberno participativo, cercano e transparente, que escoite a todos os membros do centro”. Así, no seu programa de goberno, aposta tamén pola promoción da internacionalización e da interdisciplinariedade para a posta en valor do centro, así como mellorar a dotación e o aproveitamento dos recursos xa existentes. 

Tamén se propón intensificar as relacións entre docencia e investigación en todos os ámbitos e “propiciar un goberno participativo, cercano e transparente”. Completarán o equipo de dirección o profesor do Departamento de Química Física Pedro Rodríguez Dafonte como vicedecano e o profesor Jesús Sanmartín Matalobos do de Química Inorgánica como secretario.

“Aspiro a traballar a reo por unha facultade viva, prestixiosa, innovadora e emprendedora, con visión de futuro e que contribúa á formación integral do alumnado, nun entorno saudable, unha facultade comprometida coa sociedade e cunha forte proxección internacional”, dixo Bermejo nun acto que contou coa presencia do reitor Juan Viaño.

Viaño salientou a importancia da Facultade de Química, un “centro que sempre estivo á vangarda do coñecemento”, o que lle permite, dixo, ser unha referencia da especialidade tanto en España como en Europa. 

Pilar Bermejo

Catedrática de Química Analítica dende 1991, Pilar Bermejo desenvolve o seu labor docente na USC dende 1978. Foi vicedecana desta Facultade entre 1980 e 1990 e dirixiu o Departamento de Química Analítica entre 1998 e 2006. Ademais, coordinou o programa piloto ECTS na área de Química entre 1990 e 1996 e a rede ECTN (European Chemistry Thematic Network) participando no intercambio de máis dun centenar de estudantes entre diferentes universidades europeas e de Estados Unidos e Canadá, nestes últimos países a través do programa TASSEP.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta