A Garda Civil de Ourense usará drons para previr incendios forestais e buscar persoas desaparecidas

A Comandancia presenta o equipo Pegaso, tres axentes que describiron as súas funcións como "policías de aire".

Por E.P. | Ourense | 02/06/2022 | Actualizada ás 20:14

Comparte esta noticia

A Comandancia da Garda Civil de Ourense presentou este xoves o equipo Pegaso, tres axentes que describiron as súas funcións como "policías de aire", apoiando o resto de unidades en traballos de control e auxilio.

Dron
Dron | Fonte: Remitida.

Trátase de tres axentes con formación para o uso tanto de drons como de calquera outro tipo de artefacto que voe e que en Ourense cumprirán dous labores fundamentais, a vixilancia nos montes na tempada estival para a prevención dos incendios forestais e a axuda na procura de desaparecidos.

"As nosas capacidades aumentaron con este equipo que xa funcionaba como policía aérea", explicou a Garda Civil, asegurando que os axentes traballarán con todas as especialidades, "con calquera unidade que os necesite recibindo este apoio".

Segundo explicaron un dos labores fundamentais pola incidencia da provincia é a procura de persoas desaparecidas e con este equipo prometen unha "capacidade de manobra máis grande á hora de iniciar os operativos". Ata o momento tiñan que esperar para iniciar a procura aérea polo helicóptero, un medio que aínda que funciona ben "ten as súas limitacións porque non está aquí connosco", pero agora terán a procura aérea "desde o primeiro momento e mellorarán os operativos con desaparecidos, que son frecuentes".

Deste xeito presentaron un dron que exhibiron enxalzando as súas moitas posibilidades. Está dotado con dúas cámaras, unha con zoom óptico de 32 e outra térmica, "o que permite a procura de desaparecidos mesmo chegando atopar a alguén con vida entre maleza".

Ademais das cámaras o dron conta con micrófono, altofalante e lanterna de dobre iluminación. O altofalante cumpre a función de permitir comunicarse a grandes distancias "como cunha persoa despeñada, por exemplo, poderiamos tranquilizala, dicirlle que foi vista e que imos buscala", expuxo o equipo Pegaso.

En canto ao audio, poderase emitir no momento pero tamén pode ser unha gravación, algo que xa se probou durante a pandemia para "alertar á poboación nalgúns lugares".

O equipo conta tamén con outro dron para prácticas e cun sistema antidron, o cal permite inhibir o sinal que se xera entre mando e aeronave para poder cortar o sinal e evitar accidentes que se queiran provocar con este tipo de instrumento, "pero é un medio reactivo hai que estar no momento e no lugar do suceso".

Aínda que o equipo que foi presentado está activo desde o 2020, o que chegou á comandancia no primeiro trimestre deste ano é o dron cuxa primeira saída foi o pasado 20 de maio empregándose para buscar un desaparecido en Cortegada. Aínda que "apareceu afogado no encoro polo que non foi detectado pero fomos un apoio máis para a procura", apuntan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta